martes, 8 de junio de 2010

Castro: "A ausencia dun orzamento está a perxudicar aos veciños"

.
O portavoz nacionalista emplaza ao alcalde a “aprobar coa máxima celeridade" uns orzamentos municipais para o 2010 "que conteñan medidas para paliar a situación económica do concello"

O BNG de Ordes amosou hoxe a súa preocupación pola “situación de desgoberno que está a padecer Ordes, cun alcalde absolutamente incapaz de aprobar os Orzamentos Municipais do 2010, cando xa levamos medio ano transcurrido desde o inicio deste exercicio”, segundo manifestou o seu portavoz municipal, Gonzalo Castro.

Castro afirmou que “a ausencia dun orzamento municipal para o ano 2010 está perxudicando aos veciños de Ordes, ao impedir o pagamento das facturas pendentes cos proveedores do concello, que ascenden a máis dun millón de euros, ademáis de comprometer as axudas para financiar as actividades das asociacións e entidades de Ordes”.

"Xestión caótica"
Para o portavoz municipal do BNG, “a ausencia dun alcalde con autoridade e capacidade para dirixir a acción de goberno está ocasionando unha xestión absolutamente caótica e irresponsábel, que coloca ao Concello nunha situación crítica, debido ao destrago de recursos públicos, cun aumento da débeda dos 2 aos 5 millóns de euros no último ano”.

Tamén afirmou que “a incapacidade do alcalde para dirixir o goberno ten levado ao Concello a unha situación crítica, que o imposibilita para asumir tanto o pago das débedas cos proveedores como a xestión de servizos públicos básicos, como a escola infantil, que ten sido privatizada co argumento de que o Concello non podía asumir o custe da súa xestión, ou os servizos de asistencia social, que se atopan cunha clara limitación de recursos”.

Finalmente, o nacionalista emplazou ao alcalde de Ordes a “aprobar coa máxima celeridade uns orzamentos municipais para o 2010 que conteñan medidas para paliar a situación económica do concello, como a redución do gasto, estabelecendo unha priorización do mesmo para dotar de recursos aos servizos públicos básicos e facer fronte ao pago das débedas cos proveedores do Concello”.

Foto: Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes.
*