.
Sustituirán o peche, mellorarase o entorno e se colocarán novos xogos adaptados á normativa europea
Pedreira: "Con estas obras o parque quedará completamente renovado"
O Concello non agardou a dar resposta ás denuncias feitas onte pola xestora do Partido Popular da vila respecto da necesidade de acometer obras de mellora no parque infantil Félix Rodríguez de la Fuente. Así, o goberno municipal ven de anunciar que estas darán comezo nun prazo previsto de 15 días. Unhas obras, que se realizarán a través dunha axuda da Deputación da Coruña que fora no seu día solicitada polo Concello. Tal e como explicaron dende o grupo de goberno, a intervención consistirá na renovación do peche, melloras no entorno, así como a colocación de novos xogos que sustituirán aos anteriores, e que estarán adaptados á normativa europea de seguridade.
O edil de Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade, Xesús Pedreira, insistiu en que con estas obras o parque quedará totalmente renovado, solventando todas as deficiencias que se podían encontrar neste momento nesta área de xogos, contribuindo así a que os nenos e nenas do municipio conten cun espazo seguro e adaptado a todas as necesidades. Ademais, explicou o edil, tamén se mellorará a accesibilidade da zona e haberá xogos que estarán adaptados para poder participar nenos e nenas que conten con algún tipo de discapacidade.
Xa contemplado nas actas da xunta de goberno municipal
Por outra banda, dende o grupo de goberno, lamentaron que o Partido Popular de Ordes non se informe destas cuestións e criticase o estado no que se encontra o parque pedindo a realización de melloras, cando o goberno local xa tiña solicitada a axuda á Deputación para realizar estas actuacións no parque.
Lamentou Pedreira que os populares ordenses non lean as actas da xunta de goberno, onde poderían comprobar como o grupo de goberno local xa se tiña interesado por este parque ao solicitar a axuda á Deputación, que finalmente veu concedida e permitirá que, próximamente, dean comenzo as obras.
*