viernes, 11 de junio de 2010

A Mancomunidade quere que as empresas contraten máis inmigrantes

.
O pleno acordou iniciar contactos con empresas para acceder a unha subvención da Consellería de Traballo e Benestar e impoñer un programa de inserción laboral

O pleno ordinario da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, celebrado nesta ocasión no municipio de Trazo, acordou iniciar os trámites para levar a cabo un programa de orientación, formación e inserción laboral dirixido aos inmigrantes residentes na comarca de Ordes. Un proxecto que pretende “realizar accións de orientación laboral e de mellora da empregabilidade do milleiro de persoas estranxeiras que residente nos sete concellos da comarca ordense”, explica o presidente da Mancomunidade de Ordes, Miguel Prado Patiño.

Por iso, a Mancomunidade de Ordes porase en contacto, ao longo da vindeira semana, con empresas dos sete concellos da comarca ordense (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) para sondear as súas necesidades e preferencias, para así preparar unha acción formativa e de inserción laboral realmente eficaz. Esta consulta permitirá elixir o sector/modalidade laboral a escoller e, ao mesmo tempo, suporá o establecemento duns compromisos de contratación, de xeito que os inmigrantes que participen no programa terán dereito a prácticas laborais e mellorarán substancialmente a súa empregabilidade.

Un programa que a Mancomunidade de Ordes quere levar adiante ao abeiro das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar para a realización deste tipo de actividades, reguladas na Orde de 27 de maio de 2010 publicada no DOG deste luns 7 de xuño. A intención da Mancomunidade de Ordes é pulsar as necesidades das empresas da comarca e favorecer a integración laboral deste colectivo, que ronda o milleiro de persoas. En todo caso, estas accións formativas terían lugar antes do vindeiro 30 de novembro.

Máis dun milleiro de inmigrantes na comarca
A poboación inmigrante ten unha gran representatividade na comarca de Ordes, onde están censados máis dun milleiro de persoas de case medio cento de nacionalidades distintas. De feito, a Mancomunidade de Ordes aprobou en 2009 un Plan de Inmigración: Convivencia e Integración na comarca de Ordes, no que se establecen os obxectos e actuacións que se van levar a cabo nos sete concellos da comarca dende a Mancomunidade no eido da emigración.

Esta sesión extraordinaria do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes tivo lugar na casa do concello de Trazo, que toma o relevo de Tordoia e Oroso na iniciativa de que a sede dos plenos rote polos sete municipios da comarca. Á sesión asistiron os alcaldes de Cerceda, José García Liñares; de Frades, Miguel Prado Patiño; de Mesía, Mariano Iglesias Castro; de Oroso, Manuel Mirás Franqueira; e de Trazo, Xosé Dafonte Varela. Tamén asistiron o vicepresidente da Mancomunidade e concelleiro de Ordes, Manuel Astray Mariño e o tenente de alcalde de Tordoia, Amadeo Cancela, en representación do alcalde tordoiés.

Foto: Pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes celebrado hoxe na Casa do Concello de Trazo.


*