domingo, 7 de marzo de 2010

Todo en marcha para unha nova edición da Festa do lacón con grelos


Terá lugar no Mesón do Vento o sábado 13 e domingo 14 de marzo

Haberá diferentes exposicións, cabalos, comparsas, degustación de lacón con grelos, verbenas e unha homenaxe ao presidente da Asociación de Veciños do Mesón do Vento

Xa está todo preparado para celebrar a próxima fin de semana unha nova edición, e xa van doce, da Festa do Lacón con Grelos de Mesón do Vento. O Concello de Ordes ten preparado un amplo programa festivo que dará comenzo o sábado 13 ás 10 da mañá coa apertura do recinto feiral onde se poderá disfrutar xa da exposición de gando de razas autóctonas e da mostra de maquinaria.

Pola tarde a partir das 17 horas terá lugar o desfile e concurso de comparsas de entroido, que contará con preto de 2.000 euros en premios. Todos aqueles que estean interesados en participar neste concurso de comparsas e disfraces poderán inscribirse ata o próximo 12 de marzo nos teléfonos 981 680002 e 981 680157, ou ben no estand do Concello que estará instalado no recinto feiral ata as 16 horas do día 13.

A xornada do sábado rematará cunha verbena a cargo da orquestra feminina 'Estrellamar' a partir das 20 horas.

Degustación gratuíta do lacón con grelos
Na xornada do domingo día 14 o recinto feiral volverá a abrirse ás 10 horas. Nesta xornada haberá degustación gratuíta de lacón con grelos nos establecementos da zona, así como unha gran concentración moteira.

Aínda así, o gran atractivo deste día correrá a cargo da concentración cabalar. Unha concentración que incluirá ademais a partir das 11 horas un concurso de estampa e beleza galega, ás 12 unha proba de andadura federada galega de 2 e 4 tempos, ás 15:30 horas unha carreira de trotóns, ás 16:30 horas unha proba de trote libre e ás 17 horas unha proba de arrastre con gando vacún.

O programa festivo complétase tamén cunha homenaxe a Ramiro Martínez García, presidente da Asociación de Veciños Mesón do Vento ás 14 horas que irá seguida dunha sesión vermú que correrá a cargo da orquesta Fania, que será tamén a encargada de amenizar a verbena nocturna a partir das oito da tarde para poñer broche final á festa.

A frase de José Luis Gómez Candal, concelleiro de Promoción Económica, Turismo, Mercados e Exposicións

“Esta festa xa é todo un referente no calendario festivo do municipio e que ano tras ano conseguimos que teña un maior éxito, esperando que nesta ocasión tampouco defraude”


Fotos: Imaxes da pasada edición 2009 da Festa do lacón con grelos do Mesón do Vento

*