.
Crearase un programa de intervención con discapacitados e de apoio a persoas con necesidades especiais
O pleno aproba a adxudicación definitiva da prestación do servizo de axuda a domicilio á empresa ordense Ende Ben SC
O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes aprobou hoxe en sesión extraordinaria solicitar unha axuda de 540.000 euros á consellería de Traballo e Benestar para o cofinanciamento da prestación dos servizos sociais aos sete concellos da comarca (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo). Uns servizos nos que a Mancomunidade pretende poder ofertar a creación dun programa de intervención con discapacitados.
Crearanse tres postos de traballo
Ademais, o pleno da Mancomunidade solicitou outros 45.000 euros á consellería de Traballo e Benestar para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación da Xunta de Galicia. Unha axuda que permitirá a contratación de tres profesionais (un técnico de Intervención, un docente e un axudante non titulado) para a prestación dos distintos programas que leva a cabo a Mancomunidade ordense.
Servizo de axuda ao fogar a domicilio
Finalmente, este pleno extraordinario serviu para aprobar a adxudicación definitiva do servizo de axuda a domicilio á empresa ordense Ende Ben SC. Un contrato de dous anos de duración, por un importe de máis de 330.000 euros anuais e do que se beneficiarán directamente un total de 68 veciños e veciñas dos municipios de Frades, Oroso e Ordes.
Ende Ben SC poderá comezar a prestar os seus servizos aos veciños o vindeiro mes de abril. Coa externalización do contrato, os usuarios gozarán dunha importante mellora do servizo, xa que se prestará dous días máis á semana e se inclúen tamén os festivos.
A esta sesión extraordinaria do pleno da Mancomunidade asistiron asistiron seis alcaldes da comarca de Ordes: José García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro Liñares (Tordoia) e Xosé Dafonte Varela (Trazo); así como o vicepresidente da Mancomunidade e concelleiro de Ordes, Manuel Astray Mariño.
A frase de Miguel Prado Patiño, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes
"A nosa intención é poder ofrecerlles a todos os concellos da comarca un programa de intervención con persoas con discapacidade, dirixido a que estes veciños poidan adquirir habilidades sociais e de desenvolvemento persoal, así como crear un programa de apoio a persoas con necesidades específicas, que servirá para dar formación aos distintos coidadores non profesionais que hai na nosa comarca”
*