O Concello estima nuns 300 a cifra de enfermos mentais no noso municipio
O Concello de Ordes, a través da concellería da Discapacidade que dirixe a concelleira Silvia Marín, amplía o prazo de inscrición para todos aqueles que queiran participar no curso de formación para familiares de enfermos mentais que organiza o Concello e a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia). Un curso que se celebrará baixo o título 'Coñecemento da enfermidade mental e pautas para os familiares'.
O obxectivo xeral é explicar aos familiares as pautas de comportamento a ter en conta cos enfermos, así como as distintas técnicas e habilidades que poden axudar a mellorar a calidade de vida destes enfermos e os seus familiares. Os contidos irán dende a formación básica que posibilite o recoñecemento temperá da enfermidade, ata a abordaxe de pautas de actuación ou o manexo do estrés familiar e o alivio da carga asistencial. Os encargados de impartir o curso serán profesionais da FEAFES- Galicia.
Inscricións na Casa do Concello
As datas de celebración do curso pospóñense ata que se cerre o novo prazo de inscrición e se cubran as prazas suficientes para a súa celebración. As inscricións poden realizarse na Oficina Integral de Discapacidade situada na planta baixa da Casa do Concello, de luns a venres en horario de mañá, dende onde animan a todas as persoas que estean interesadas a que se anoten.
Datos da FEAFES Galicia indican que arredor dun 2,5 por cento da poboación padece algún tipo de enfermidade mental grave, o que fai que a Oficina Integral da Discapacidade do Concello de Ordes estime en arredor de 300 os enfermos deste tipo dentro do municipio, unha cifra considerable que fai moi importante a realización deste curso en Ordes.
Podes ver a excepcional reportaxe 'Estigmas sociales de las enfermedades mentales' emitido en La 2 en noviembre de 2009:
A frase de Silvia Marín, concelleira de Discapacidade
“Con esta iniciativa pretendemos dar unha ferramenta máis aos familiares deste tipo de enfermos para entender e poder levar da mellor maneira posible esta enfermidade, tendo en conta que son eles os verdadeiros coidadores e os que teñen que convivir cos enfermos a diario"
*