lunes, 1 de marzo de 2010

O BNG, molesto coa decisión do goberno de non acometer obras na piscina climatizada

.
O goberno municipal rexeitou no pleno iniciar este tipo de obras

Recouso denuncia a falta de convocatoria das axudas culturais para o ano 2009

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, fixo públicas as súas críticas ao alcalde por rexeitar no último pleno unha moción do BNG na que se propoñía a realización dos investimentos necesarios para que as instalacións da piscina poidan dar cobertura á demanda existente na actualidade. Segundo informan o nacionalisas, os propios usuarios da piscina chegaron a presentar alegacións aos orzamentos municipais para que se incluisen investimentos nesta instalación, que agora foron rexeitadas polo goberno municipal en debate plenario.

O portavoz nacionalista fixo fincapé en que “faise moi necesaria a modernización das instalacións da piscina climatizada e do seu equipamento, así como a ampliación substancial das súas instalacións, especialmente das salas para a realización de actividades físicas”.

Gonzalo Castro manifestou que “son comúns e moi reiteradas as queixas dos usuarios e usuarias da piscina pola falta dunhas instalacións adecuadas á demanda existente para a realización de actividades físicas, sobre todo nos horarios de máis afluencia de xente, onde as instalacións se amosan manifestamente insuficientes para albergar con certa comodidade a todos os usuarios.”

Castro lembrou que “os veciños levan moito tempo demandando a realización de investimentos para mellorar e ampliar as instalacións da piscina municipal, chegando a presentar alegacións aos orzamentos municipais para que se incluisen estes investimentos, alegacións que foron rexeitadas por parte do alcalde, o que demostra a súa absoluta despreocupación con respecto ás demandas dos veciños e veciñas de Ordes”.

Regos "escamotea" as axudas do ano 2009
Por outra banda, tamén o concelleiro nacionalista Ramiro Recouso acusou ao alcalde Manuel Regos, de “escamotear as axudas para actividades culturais e deportivas do ano 2009”. No pleno da corporación municipal, o edil nacionalista formulou unha pregunta ao concelleiro delegado de Cultura, Ramón Vázquez Raña, sobre cando ían ser convocada sas “Axudas económicas para a realización de actividades culturais e deportivas do ano 2009”.

“O feito de non ser convocadas estas axudas", asegura Recouso, "está a provocar nas diversas asociacións culturais e deportivas de Ordes o temor de que non van recibir ningunha subvención para sufragar os gastos da realización das súas actividades perante o ano 2009.

Ramiro Recouso, considera que o feito de non convocar estas axudas enmarcase dentro da política de “asfixia” económica que Regos ven practicando co asociacionismo de Ordes, contestatario coa súa xestión, ao que quere coartar a súa liberdade e independencia.

*