martes, 30 de marzo de 2010

Pleno de maro: A Festa do Champiñón, próxima a ser de Interese Turístico

.
O socialista Xesús Pampín xa forma parte da corporación municipal

Ordes agardará polas medidas que adoitará a Xunta respecto ás concentracións parcelarias

A estación de Fosado contará con información sobre servizo de taxis

O empresario Ramón Carro podería converterse nun novo Fillo Predilecto de Ordes

A corporación municipal celebrou esta mañá a sesión plenaria correspondente ao mes de marzo. Unha sesión na que se aprobou por unanimidade a proposta do grupo de goberno de solicitar á Xunta que se declare a popular festa ordense do champiñón como Festa de Interese Turístico. Tal e como explicou o alcalde, Manuel Regos, trátase dunha cita que se converteu xa en todo un referente no municipio que celebrará este ano a súa vixésimo primeira edición e que con esta declaración “esperamos se recoñeza o valor da mesma, á vez de darlle un maior atractivo”.

Festa do Champiñón o 25 de abril
Ademais o primeiro edil lembrou que esta nova cita coa Festa do Champiñón en Ordes terá lugar o próximo 25 de abril, enmarcada dentro da celebración de Expo Ordes 2010 que terá lugar os próximos días 23, 24 e 25 de abril.

Por outra parte, ao inicio da sesión tamén tomou posesión como novo concelleiro do Concello de Ordes, Xesús Pampín Recouso, que sustitúe no cargo a Ana María Álvarez. O alcalde deu a benvida a Pampín, que tamén recibiu palabras de apoio por parte de cada un dos grupos políticos que forman a Corporación. “Esperamos o mellor para este novo compañeiro”, dixo Regos.
Jesús Pampín tomará así o relevo de Álvarez ao fronte da concellería de Servizos Sociais e Terceira Idade do Concello de Ordes.
Podes escoitar en Radio Ordes o xuramento de Jesús Pampín como concelleiro municipal e os informes de alcaldía, ou ben facendo clic baixo estas liñas:



Ramón Carro, futurible Fillo Predilecto
O pleno ordense tamén aprobou por unanimidade o inventario municipal de bens e o inicio do expediente de declaración de Fillo Predilecto do municipio a Ramón Carro Romero. En canto a este último punto explicouse que se trata dunha proposta dun grupo de veciños a través da que se quere destacar a traxectoria profesional deste empresario local.

Así, decidiuse nomear como instructor deste expediente ao concelleiro do goberno local, Manuel Astray, quen explicou que se tramitará o expediente para que despois volva a ser o pleno quen decida se se concede ou non este nomeamento, aínda que engadiu “esta distinción é merecida por Ramón Carro pola súa labor profesional e os beneficios que isto conleva para o municipio”.

Mocións de urxencia
En canto ao turno de mocións non se aprobou a urxencia dunha moción do BNG e outras tres do PP. A moción nacionalista relativa a instar á Xunta a que dea celeridade ás concentracións parcelarias, foi respondida polo concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira quen explicou que dende o goberno autonómico anunciaron que se vai avanzar nesas concentracións, polo que engadiu “cabe esperar e por iso non vemos a urxencia da moción”.

As outras mocións dos populares, unha na que se acusaba ao goberno local de renunciar a unha subvención de 100.000 euros da Xunta para o vial de acceso ao polígono, e outra sobre a habilitación dunha liña de transporte entre a estación de tren de Fosado e o centro urbano ordense, tampouco tiveron a aprobación de urxencia, aínda que sí se explicaron por parte do grupo de goberno.

Así, en canto á primeira, o alcalde, Manuel Regos, explicou que a subvención solicitárase no mes de marzo e dende a Xunta comunicárona a finais de ano cando xa non había partida orzamentaria para ela e o prazo de execución da obra era case imposible.

A estación de Fosado estará 'informada'
En canto á outra moción explicou tamén Regos que se manterán reunións con Adif polo que se debe esperar para ver o que se acorda, aínda que engadiu por outra banda que nos próximos días colocarase información sobre taxis e demais información de servizos para os usuarios da estación de Fosado, sendo conscientes da falta de información que hai ao respecto.

O alcalde, Manuel Regos, ao final da sesión lembrou aos membros da corporación o acto de coronación canónica da Virxe das Dores e da Soidade e a inauguración das obras de reforma da igrexa parroquial que tivo lugar esta tarde a partir das 19 horas no templo, ao que asistirán ademais o arzebispo Julián Barrio e a conselleira de Sanidade da Xunta de Galicia, Pilar Farjas. Acto que estará precedido por unha recepción oficial das autoridades na Casa do Concello a partir das 18:30 horas.

*