martes, 9 de marzo de 2010

'Coidemos dos nosos humidais'

O Concello programa unha charla sobre a importancia destes ecosistemas na nosa comarca

Os participantes, escolares na súa maioría, terán a posibilidade de visitar a ETAP e a EDAR de Ordes


A concellería de Medio Ambiente de Ordes está a organizar unha charla sobre a importancia que teñen os nosos humidais e que leva por título 'Coidemos dos nosos humidais'. O encontro terá lugar o próximo luns 22 de marzo, Día Mundial da Auga, na Casa da Cultura de Ordes ás 12:00 h. A conferencia correrá a cargo de Rebeca Vázquez, responsable do Área de Conservación do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

A charla contemplará varios aspectos sobre os humidais. Que é un humidal, tipoloxía, valores, ameazas, xestión, principais humidais galegos e especial referencia aos encoros de Vilagudín e Vilasenín, zonas húmidas mais destacadas da comarca de Ordes, hoxe naturalizados e convertidos en referente paisaxístico da comarca.

Como actividade complementaria, o concello ofrecerá ademais a posibilidade aos centros de que visiten ese mesmo día a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) e a Estación Depuradora de Auga Residual (EDAR) de Ordes, sempre que a climatoloxía o permita.

Coñece as declaracións de Xesús Pedreira a Radio Ordes sobre a charla:



A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes
"Con esta charla o que se pretende e sensibilizar á comunidade escolar sobre a riqueza natural e cultural dos humidais e da necesidade da súa conservación e promover e fortalecer procesos de concienciación e sensibilización na comunidade escolar, respecto á conservación e uso racional dos humidais"

*