.
Os populares reclaman unha liña de transporte público entre o centro da vila e a parada do tren na parroquia ordense
Non están de acordo en que ADIF reciba 900 euros mensuais dos ordenses "sen contraprestación algunha"
O grupo municipal popular procurará "poñer en valor e a pleno funcionamento" a estación de ferrocarril de Fosado. O pasado mércores 24 presentaban unha moción no rexistro do Concello para ser debatida no vindeiro pleno municipal. Así, os populares instar ao Ministerio de Fomento e ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) a abrir ao público as dependencias da estación de Fosado que, a día de hoxe, "permanecen completamente baleiras e abandonadas".
Estrella Vázquez, presidenta da Xestora do PP local criticou que o Concello "estea a subvencionar a ADIF", ente público dependente do Ministerio de Fomento, "cun alugueiro mensual de 900 euros da antiga estación da Pontraga sen recibir contraprestación algunha". A popular esixirá "que esa contraprestación se materialice coa plena operatividade da estación de Fosado".
Autobús lanzadera á estación
Xa no plano municipal, o Partido Popular demanda que o Concello habilite unha conexión de transporte público por estrada, en sentido ida e volta, entre a vila de Ordes e a estación de Fosado, acompasando os horarios desa liña cos horarios de paradas do tren na devandita estación.
A intención é, segundo os populares, "recuperar a utilización do ferrocarril como medio de transporte público económico, ecolóxico e rápido, por parte dos habitantes de Ordes".
Pero non rematan aí as reivindicacións populares. a moción recolle tamén a conveniencia de implantar dunha tarxeta social que permita a utilización da conexión Ordes-Fosado, a prezos reducidos, para estudantes, parados, discapacitados e xubilados residentes no Concello de Ordes.
.
Poder ver o aspecto que amosa a estación no seguinte vídeo e que parece tal cal sacado da serie de videoxogos de Silent Hill:
Apeadoiro pantasmal
O certo é que a a estación de Fosado, alonxada de calquer núcleo habitado, está rematada e sen estrear. Conta ademais con instalacións complementarias como cantina e servizos hixiénicos.
A suma destes tres factores –lonxanía respecto á vila de Ordes, ausencia dun núcleo habitado nas inmediacións da estación e non funcionamento dos equipamentos construídos- converten á estación de Fosado nun apeadoiro pantasmal, cunha utilización residual por parte dos usuarios.
Segundo Vázquez, esta circunstancia produce "frecuentes confusións e contratempos" nos viaxeiros que acoden a Ordes por vez primeira usando o transporte ferroviario. "A información facilitada por Renfe non aclara que a estación de Ordes se atopa, en realidade, alonxada da vila, nin advirte da inexistencia de conexións entre esa estación e o núcleo urbano", asegura a popular. "Non resulta infrecuente, polo tanto, que unha persoa que viaxa en tren a Ordes por primeira vez se encontre, nada máis apearse, no medio da nada, sen saber qué dirección tomar para desprazarse ata a vila, nin ter a quen chamar para pedir axuda", conclúe.
"Negocio redondo" para ADIF
Xa por último, Vázquez critica o "negocio redondo" que ten ADIF con Ordes xa que este ente "percibe un alugueiro elevado por unhas instalacións, as de Pontraga, que cedeu na ruína e as vai recibir en perfecto estado, logo da rehabilitación impulsada e financiada pola Xunta de Galicia e o goberno local", apunta.
.
A estación de Fosado en renfe.es
A estación de Ordes está anunciada na web de Renfe. En dirección A Coruña apuntan a existencia de catro percorridos diarios con saídas de Fosado ás 07:00 h; 09:12 h; 15:02 h; e ás 20:45 h. A chegada ten lugar en apenas 30 minutos. O prezo é de 4,10 euros.
En dirección Santiago de Compostela, as saídas teñen lugar ás 10:02 h; 13:02 h; 16:04 h; e 19:28 h. A chegada ten lugar en 15 minutos. O prezo é de 2,60 euros.
*