lunes, 1 de marzo de 2010

Medio Rural cédelle á Mancomunidade unha planta do edificio de Extensión Agraria

.
As novas dependencias da Mancomunidade de Municipio ubicaranse no número 41 da rúa Nova -antiga Generalísimo- de Ordes

A Consellería do Medio Rural ofreceulle á Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes a posibilidade de dispoñer dunha planta no edificio da Oficina de Extensión Agraria de Ordes para albergar as súas dependencias. Un ofrecemento que foi realizado polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, quen se reuníu esta mesma mañá cos alcaldes dos sete concellos da Mancomunidade de Ordes.

O presidente da Mancomunidade, Miguel Prado, agradeceu a Antonio Crespo o ofrecemento realizado pola Consellería do Medio Rural aínda que evitou falar de prazos á hora de trasladarse ás novas dependencias. “Primeiro temos que estudiar a idoneidade do local, así como os distintos departamentos e servizos que poderiamos desprazar ata aló”, sinala Prado Patiño. Non obstante, amosouse moi satisfeito xa que “levamos tempo buscando un local para ser a sede da Mancomunidade e esta posibilidade que nos ofrece a Consellería do Medio Rural é moi interesante”.

As novas dependencias da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes ocuparían unha planta do edificio que a Consellería do Medio Rural utiliza como sede da Oficina de Extenxión Agraria da comarca ordense. Unhas oficinas situadas na rúa Nova, 41 “nun enclave moi céntrico, o que facilitaría o acceso dos veciños e veciñas da comarca aos distintos servizos que ofrece a Mancomunidade”, sinala Miguel Prado.

Podes escoitar as declaracións de Manuel Astray, vicepresidente da Mancomunidade respecto desta cesión:



Froito de moitas negociacións
Durante o encontro con Antonio Crespo, que tivo lugar despois do pleno ordinario de marzo, Miguel Prado explicoulles aos alcaldes da comarca ordense que este ofrecemento é froito das distintas negociacións realizadas pola Mancomunidade diante da Xunta de Galicia. Unhas xestións que incluiron, entre outras, unha reunión co conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, o pasado verán e co propio Antonio Crespo, o pasado mes de febreiro. Unha reunión na que Prado e Crespo acordaron a realización da visita de hoxe.

Á reunión con Antonio Crespo asistiron os sete alcaldes da comarca de Ordes: José García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Regos Boquete (Ordes), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro Liñares (Tordoia) e Xosé Dafonte Varela (Trazo); así como o vicepresidente da Mancomunidade e concelleiro de Ordes, Manuel Astray Mariño.

Finalmente, o pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes aceptou tamén a solicitude presentada polo Concello de Ordes para que o programa de Educación Familiar pase a ser xestionado pola Mancomunidade, e non de xeito municipal como viña sendo ata o de agora.

Foto: Última reunión do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes.

*