viernes, 20 de mayo de 2011

Sanjurjo: "O futuro goberno do PP en Ordes tratará de poñer ao día todas as débedas pendentes"

O candidato do PP, José Luis Martínez Sanjurjo.
O candidato popular avanza que de gañar, encargará unha "auditoría independente" que permita coñecer a "situación real" das arcas municipais

Toda a candidatura firmou esta mañá ante notario un 'pacto antitransfuguismo'

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, lanzou hoxe unha mensaxe ás empresas e autónomos que teñen facturas pendentes de cobrar do Concello de Ordes. O dirixente popular asegurou que "o futuro goberno municipal do PP tratará de poñer ao día todas as débedas pendentes, sempre e cando as facturas estean rexistradas antes do 22 de maio e conten co certificado de execución emitido polo técnico municipal correspondente".

Con todo, Martínez Sanjurjo insistiu en que unha das primeiras medidas que adoptará despois de asumir a alcaldía consistirá en "encargar unha auditoría independente que permita coñecer a situación real das arcas municipais, ante o temor de que a débeda real do Concello de Ordes poda superar amplamente os nove millóns de euros".

Tamén os integrantes da candidatura do PP ao Concello de Ordes asinaron hoxe ante notario un documento no que se comprometen a poñer a súa acta de concelleiros a disposición do Partido antes de apoiar calquera outra sigla ou de adoptar calquera decisión que poda colisionar coa formación pola que van ser elixidos.

Peche de campaña
Por outra banda, os populares de Ordes pecha esta noite a súa campaña electoral cun encontro no hotel Canaima en Mesón do Vento. Participarán, ademais dos membros da candidatura local, a deputada autonómica María Seoane.

A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, candidato á alcaldía de Ordes polo Partido Popular
“O meu compromiso é claro: o futuro goberno local do Partido Popular de Ordes pagará todas as facturas que estean rexistradas e respaldadas polo correspondente informe do funcionario municipal responsable, e sempre que eses trámites teñan sido completados antes do vindeiro 22 e maio

*