miércoles, 4 de mayo de 2011

Gonzalo Castro comprométese a aprobar o PXOM este mesmo ano

Gonzalo Castro, candidato á alcaldía de Ordes polo BNG, durante a súa intervención.
De gobernar, porá en marcha un viveiro de empresas, un centro de promoción económica e a dinamización da praza de abastos

Tamén promete aprobar o PXOM este mesmo ano, un centro de día e unha casa da xuventude

O candidato do BNG á alcaldía de Ordes, Gonzalo Castro, presentou este luns o programa de goberno do BNG de Ordes nuns ateigados salóns do restaurante El Túnel, e anunciou o seu compromiso de “poñer en marcha, antes de que remate este ano, un viveiro de empresas, un centro de promoción económica, e a dinamizar e modernizar a praza de abastos, xa que a prioridade do próximo goberno municipal será a creación de emprego e a reactivación económica”.

O acto contou coa participación de Carlos Aymerich, portavoz do BNG no Parlamento de Galicia, que amousou o seu respaldo á candidatura de Castro á alcaldía. “O programa de goberno da candidatura encabezada por Gonzalo Castro conseguirá sacar a Ordes do seu atraso e poñelo no lugar que merece como cabeceira comarcal”, expuso o parlamentario.

"Sen discriminacións"
A número dous da candidatura do BNG de Ordes, Montserrat Rei, manifestou o compromiso do BNG “para demostrar aos veciños e veciñas de Ordes que outra forma de gobernar é posíbel, unha forma de gobernar que poñerá o concello de Ordes ao servizo de todos e todas, sen discriminacións”.

Castro manifestou que “o certo é que a ampliación do Concello non era unha obra prioritaria, mais xa non é a hora das críticas é a hora de buscar solucións á situación que está a vivir o noso concello, por iso, sen descoidar as necesidades administrativas do Concello de Ordes, destinaremos o espazo que se habilitará no novo edificio do Concello á creación dun viveiro de empresas e un centro de promoción económica, reformulando esta actuación para destinala ás prioridades que ten o noso Concello, a reactivación económica e a creación de emprego”.

O candidato do BNG á alcaldía de Ordes manifestou que “con esta actuación facilitaremos as instalacións e o asesoramento necesario aos novos emprendedores, co obxecto de impulsar o inicio da súa actividade nos anos máis duros, os do comezo da actividade empresarial”.

Asistentes ao acto da presentación do programa de goberno do BNG de Ordes.
Recuperar os empregos destruídos
Castro anunciou que “este será o primeiro paso dunha actuación de goberno que ten como obxectivo recuperar o dinamismo económico de Ordes como cabeceira de comarca e recuperar os 500 empregos destruídos nos últimos catro anos”.

Finalmente, o candidato do BNG á alcaldía ordense fixo público o seu compromiso “para aprobar inicialmente o PXOM antes de que finalice 2011, e incluir nos Orzamentos Municipais de 2012 a dotación dun centro de día e unha casa da xuventude no noso Concello”.

*