miércoles, 18 de mayo de 2011

"Cando o domingo voten Xesús Pedreira, estarán votando a Xesús Pedreira como alcalde de Ordes"

Intervención de Xesús Pedreira, candidato á alcadía de Ordes polo PSdG-PSOE. 
O candidato socialista comprométese a non formar parte de ningún goberno no que non sexa alcalde

A Agrupación Socialista de Ordes celebrou esta noite no restaurante El Túnel o seu mitin central de campaña, no que o candidato á alcaldía, Xesús Pedreira, estivo acompañado polo ministro de Xustiza e presidente provincial do PSdeG-PSOE da Coruña, Francisco Caamaño.

Xesús Pedreira pediu o voto dos veciños de Ordes para “gobernar sen ataduras, despois da responsabilidade e a boa xestión que amosamos nestes últimos catro anos”. Así, Pedreira comprometeuse a non formar parte “de ningún goberno do que non sexa alcalde, porque os veciños deben saber que cando o domingo voten Xesús Pedreira estarán votando a Xesús Pedreira como alcalde de Ordes”.

Os veciños alí presentes coñeceron as propostas do equipo socialista para o concello de Ordes.
 Prioridade: creación de emprego
O candidato socialista asegurou que a creación de emprego será a súa máxima prioridade nesta lexislatura. Así, anunciou medidas como a creación dunha partida orzamentaria para o fomento do emprego e a posta en marcha do polígono de Pardiñas, ademais dunha redución das taxas municipais ás empresas que se instalen nel. “Medidas concretas e reais, non como fan outros candidatos que xogan coa dignidade das persoas ofrecendo o mesmo posto de traballo á xente a cambio duns votos”, apuntou Xesús Pedreira.


Máis de nove millóns de euros en investimentos
O candidato socialista lembrou que “nestes catro anos os socialistas conseguimos máis de nove millóns de euros en investimentos para Ordes que se materializaron en proxectos tan importantes como a rolda leste, o paseo do río Mercurín, o novo tanatorio, as melloras no centro de saúde, o depósito de captación de augas... Non é de estrañar que nestes días ata os membros da oposición queiran asumir a paternidade destes logros, pero todos os veciños saben ben que fomos os socialistas os que trouxemos estas melloras a Ordes”.

De cara ao futuro, Xesús Pedreira anunciou que xestionarán a posta en marcha dun centro de día, ao tempo que mellorarán os equipamentos dos centros sociais das parroquias. Na área de medio ambiente, os socialistas ordenses levarán o auga e o abastecemento a todas as parroquias, ampliarán o paseo fluvial do río Mercurín e construirán un parque infantil cuberto. Así mesmo, Pedreira enumerou outros importantes proxectos dos socialistas ordenses como o compromiso de investir 1,2 millóns na limpeza e arranxo de pistas no rural, a implantación do servizo de radioloxía no centro de saúde, a posta en marcha dun centro social da Xuventude, a entrada de Ordes no Plan de Transporte Metropolitano e o remate do Plan Xeral de Ordenación Municipal, “que se fará estudando as suxestións dos veciños”, puntualiza Pedreira.

Caamaño abraza a Pedreira logo de comunicarlle que porá o Goberno de España a disposición dos ordenses.
Apoio do goberno central
O mitin central dos socialistas ordenses contou coa presencia do ministro de Xustiza, Francisco Caamaño. O ceense felicitou durante a súa intervención a Pedreira e ao seu equipo polo traballo realizado nos últimos anos e animounos a seguir na mesma liña. Caamaño mostrou ademais todo o seu apoio e compromiso con unha candidatura, a do PSdeG-PSOE, que cualificou de “capaz, ilusionada e gañadora”.

*