jueves, 19 de mayo de 2011

Martínez Sanjurjo compromete "asesoramento gratuíto municipal" para impulsar a producción forestal

O candidato popular compromete a creación dunha concellería de Medio Rural e estender o uso das tecnoloxías da comunicación ás aldeas do municipio

O Partido Popular de Ordes informou hoxe de que creará, despois do 22 de maio, unha concellería de Medio Rural no Concello de Ordes, "como base para potenciar  a agricultura, a gandería, os usos forestais e mellorar a calidade de vida dos residentes nas diferentes aldeas do municipio". Estes usos ofreceranse, aseguran, "con independencia de que a súa principal fonte de ingresos estea ou non relacionada directamente co agro".

Ademais, o candidato popular á alcaldía, José Luis Martínez Sanjurjo, comprometése a axilizar ante a Xunta de Galicia os trámites pendentes para acelerar o remate dos proxectos de concentración parcelaria pendentes no municipio. Tamén ofrecerá desde o Concello, asesoramento gratuíto "para xestionar axudas públicas, acadar unha mellor ordenación forestal e propiciar a posta en marcha de plans silvícolas para que o monte sexa máis rendible en  termos económicos".

Tamen recoñecen dende o PP que a Administración municipal ofrecerá incentivos ao asociacionismo e cooperativismo agrícola e gandeiros e promoverá a comercialización de produtos autóctonos na praza de abastos de Ordes.

Infraestruturas municipais
Antes as queixas sobre o "pésimo estado de conservación" das pistas e estradas locais constatadas polos veciños nos diferentes encontros co candidato popular, Martínez compromete a elaborar un "plan de mantemento das infraestruturas municipais", de xeito que o Concello asegure "un bo estado do firme, pero tamén o mantemento periódico das cunetas".

Tamén o Partido Popular asumirá o compromiso de habilitar aparcadoiros nos igrexarios das parroquias que o necesiten, e crear áreas de recreo nas zonas rurais.

Tamén no referido ao medio rural, o alcaldable popular explica, nas visitas ás aldeas e lugares de Ordes, a súa intención de completar a dotación de puntos de auga en todas as parroquias, instalar puntos de información en todos os núcleos, implantar un programa de extensión, anclaxe e limpeza de contedores, ademais de velar polo cumprimento dos código de boas prácticas agrarias.

Tecnoloxías da comunicación e medio rural
Respecto ao uso das tecnoloxías da comunicación, O candidato popular amósase como un firme impulsor da extensión das TICs a todo o medio rural de Ordes, ademais de mellorar a calidade da subministración eléctrica naquelas aldeas que presentan deficiencias.

No referido ás persoas maiores que residen no medio rural, o Partido Popular ten previsto habilitar os medios precisos para facilitar que os integrantes deste colectivo podan participar activamente nas actividades de ocio que se organicen desde o Concello.

*