miércoles, 4 de mayo de 2011

A Mancomunidade pide unha subvención de 45.000 euros á consellería de Alfonso Rueda

Momento do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, este luns 2 de maio.
Con esa cantidade pretenden sufragar os gastos do persoal do CIM: unha directora, unha sicóloga, unha xurista e unha axente de igualdade

O pleno da Mancomunidade de Municipios de Ordes acordou solicitarlle unha axuda económica de 45.000 euros á Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, para asumir parte dos gastos derivados do persoal asignado ao Centro de Información á Muller (CIM), que desde principios deste ano pasou a depender da entidade supramunicipal.

A axuda, ssolicitada ao abeiro dunha convocatoria da Xunta para a promoción da igualdade, permitiría incorporar ao plantel do CIM un axente de igualdade a xornada completa. Ademais, a cantidade pedida á consellería serviría para asumir parte cos custos derivados do actual cadro de persoal do CIM, composto por unha directora, unha psicóloga e unha asesora xurídica.

O presidente da Mancomunidade, Miguel Prado, destaca a importancia de que a consellería conceda a subvención tramitada, para manter os servizos actuais e para reforzalos coa incorporación do axente de igualdade. “Esa persoa –explica Prado Patiño- encargaríase da preparación de actividades relacionadas coa igualdade de xénero e co desenvolvemento do Plan de Igualdade co que xa contamos na Mancomunidade, e que esperamos que sirva para camiñar cara unha igualdade plena e real entre homes e mulleres”.

Apoio á Unidade de Doantes de Embrións de Bos
Na sesión celebrada esta mañá, o pleno da Mancomunidade tamén acordou apoiar a continuidade da Unidade de Doantes de Embrións de Bos (Guísamo-Bergondo), polo valor que esta entidade xenética ten para o sector gandeiro na comarca. A decisión tomouse logo dunha comparecencia no pleno do presidente da Asociación da Frisona da Coruña (AFRICOR), Luis Seoane Labandeira, na que expuxo os prexuízos que o peche da unidade suporía para o sector.

Tal como explicou Seoane, nos novos plans da Consellería de Medio Rural contémplase “o máis que probable peche” da unidade e a produción de embrións bovinos de xenética de elite “vai quedar en mans duns poucos, polo que se o resto de gandeiros desexamos traballar con ela deberemos adquila a estes privilexiados”. A diferencia é que, mentres que os embrións que produce a unidade situada en Bergondo están a disposición de todos os gandeiros de Galicia a uns 300 euros por unidade, co novo programa estarán no mercado a un prezo entre os 1.000 e os 1.500 euros.

O presidente da Mancomunidade, Miguel Prado Patiño, manifesta que o acordo desta mañá vai na liña de reivindicar “que os gandeiros da comarca non teñan que sufrir ese incremento de custos, porque as explotacións xa non están pasando polo seu mellor momento e o que necesitan son apoios, non novos sobrecustos, neste caso na súa aposta por mellorar a xenética da cabana e a súa productividade”.

Por eso, emprazouse á Consellería de Medio Rural a reconsiderar a súa postura sobre a Unidade de Doantes de Bos, que nos seus vinte anos de existencia se convertiu nunha marca de prestixio e calidade no esixente mercado da xenética e leva posto a disposición dos gandeiros galegos 11.516 embrións das mellores familias de vacas do mundo.

A sesión plenaria desta mañá estivo presidida por Miguel Prado Patiño e asistiron o vicepresidente da mancomunidade e representante do Concello de Ordes, Manuel Astray Mariño; máis os alcaldes de Mesía, Mariano Iglesias Castro; e de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares. Os representantes dos concellos de Cerceda, Oroso e Trazo excusaron a súa ausencia.

*