O Concello pechou cun gran éxito de participación o ciclo de noites psicoeducativas
Arredor de medio cento de mozos ordenses participaron nas sesións nocturnas que tiveron como obxectivo ofrecer alternativas de ocio ao consumo de alcol
O Concello de Ordes finalizou o pasado sábado a segunda edición das Noites Psicoeducativas do programa FARO, programa que ten como obxectivo a prevención no consumo de alcol e a inserción social das persoas afectadas.
Arredor de medio cento de mozos e mozas ordenses de entre 12 e 18 anos participaron en cada unha das sesións que se celebraron nas noites dos pasados 7, 14 e 21 de maio no pavillón municipal do Paraíso. Unhas sesións nas que se ofreceu aos participantes unha serie de actividades alternativas ao consumo de alcol, actividades como a realización de graffitis, obradoiros de maxia, xogos, así como talleres de elaboración de cócteles sen alcol, entre outras iniciativas.
O obxectivo destas noites é prestar apoio social aos colectivos en risco que lles permitan ter alternativas de ocio en espazos libres de consumo de alcol. As actividades foron encamiñadas a fomentar o uso axeitado do tempo libre, as relacións interpersoais equilibradas, a resolución de conflictos e a mellora de autoestima, sendo o eixo transversal o rexeitamento ao abuso do alcol.
*