José Luis Martínez Sanjurjo, candidato do PP á alcaldía. |
Os populares denuncian que o alcalde Manuel Regos utiliza "medios económicos e persoais" do Concello en favor da súa candidatura
O Partido Popular de Ordes informou hoxe que de acadar a maioría necesaria para gobernar, implantará un "código ético" para evitar que nas seguintes eleccións municipais "volvan repetirse as irregularidades que está a cometer o aínda alcalde, que está a utilizar a favor das súas siglas e da súa candidatura todos os medios económicos e persoais do Concello de Ordes".
O candidato popular, José Luis Martínez Sanjurjo adquiriu este compromiso logo de constatar que "o Concello de Ordes está adxudicar todo tipo de obras e traballos coma instalación de farolas, contedores, asfaltados, arranxo de acceso a fincas ou compromisos de colocación de parados en traballos municipais, durante a campaña electoral". Sanjurjo denuncia que a condición destes favores era que "os beneficiarios voten a lista encabezada polo aínda alcalde".
Segundo os populares, un código ético "impediría este tipo de prácticas, velando polo respecto dos principios democráticos e permitindo que todas as candidaturas concorran ás furnas en igualdade de condicións".
Falsos rumores
Tamén dende o PP local afirman que "a longa nómina de anomalías detectadas, que inclúen tamén a propagación de falsos rumores culpando ao PP de irregularidades cometidas polo propio Concello, evidencian a extrema preocupación que se respira na candidatura do aínda alcalde que, forzando a situación, chegou a organizar un acto público para a entrega dos títulos de propiedade da ampliación do cemiterio municipal".