Os rapaces de Ordes poden xa realizar a súa solicitude no departamento de Cultura e Deporte do Concello ata o vindeiro 4 de xuño
A Deputación da Coruña ten xa convocada unha nova edición dos campamentos deportivos para este verán, nos que poderán participar rapaces e rapazas do municipio ordense.
Así, estes campamentos van dirixidos a rapaces e rapazas de 9 a 13 anos que poderán practicar diferentes deportes como o golf, a vela, o tenis e o voleipraia. Os participantes estarán hospedados no colexio Calvo Sotelo de A Coruña e o prezo do campamento será de 85 euros. Este prezo inclúe transporte de ida e volta e manutención en residencia e todos os gastos que ocasionen as actividades programadas.
Para o Concello de Ordes, a Deputación asignou sete prazas que se adxudicarán por sorteo no caso de ter máis solicitudes que prazas asignadas. En canto á quenda na que participarán os rapaces ordenses neste campamento, será do 10 ao 16 de xullo.
Os interesados en participar nos campamentos deportivos poden xa realizar a súa inscrición no departamento de Cultura e Deportes, na planta baixa da Casa do Concello. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 4 de xuño.