O candidato nacionalista garantiza que o BNG gobernará "para todos e por igual"
Confía en que os veciños e veciñas "votarán por un cambio real" en Ordes
O candidato do BNG á alcaldía de Ordes, Gonzalo Castro, afirmou no mitin central da súa formación política que tivo lugar na noite do mércores na discoteca Elepé 45, que “o BNG á a única alternativa de cambio en Ordes, a única que non traizoará o apoio dos veciños e veciñas”.
O mitin contou coa participación de Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, que amousou o seu respaldo á candidatura de Gonzalo Castro á alcaldía de Ordes, que manifestou que “a candidatura encabezada por Gonzalo Castro constitue a única alternativa para parar á dereita en Ordes, a única alternativa que conseguirá sacar a Ordes do seu atraso e poñelo no lugar que merece como cabeceira dunha importante comarca”.
Gonzalo Castro animou aos veciños e veciñas de Ordes a votar masivamente ao BNG, “con total confianza, porque o BNG gobernará para todos por igual, demostrando que outra forma de gobernar é posíbel, unha forma de gobernar que poñerá o concello de Ordes ao servizo de todos e todas, sen discriminacións”.
Cambio real
Gonzalo Castro diríxese aos asistentes do mitin central do BNG en Ordes na noite do pasado mércores. |
Gonzalo Castro amosou a súa confianza en que “os veciños e veciñas non se deixarán engañar polas candidaturas que se atopan dirimindo unhas primarias internas dentro da dereita, e apostarán por un cambio real no noso concello”
Castro reafirmou o seu compromiso de “poñer en marcha, antes de que remate este ano, un viveiro de empresas e un centro de promoción económica, xa que a prioridade do próximo goberno municipal será a creación de emprego e a reactivación económica”.
O candidato á alcaldía polo BNG manifestou que “con esta actuación facilitaremos as instalacións e o asesoramento necesario aos novos emprendedores, co obxecto de impulsar o inicio da súa activide nos anos máis duros, os do comezo da actividade empresarial”.
Dinamismo económico de Ordes
A dereita de Gonzalo Castro, de branco, a número dous, Montserrat Rey; a súa esquerda, Ramiro Recouso (3). |
Castro anunciou que “este será o primeiro paso dunha actuación de goberno que ten como obxectivo recuperar o dinamismo económico de Ordes como cabeceira de comarca e recuperar os 500 empregos destruídos nos últimos catro anos”.
Finalmente, o candidato do BNG á alcaldía ordense tamén reiterou o seu compromiso “para aprobar inicialmente o PXOM antes de que finalice 2011, e incluir nos orzamentos municipais de 2012 a dotación dun centro de día público e unha casa da xuventude no noso Concello”.
*