martes, 26 de enero de 2010

Regos anuncia no pleno o proxecto de mellora da estrada Ordes-Cerceda

.
Pleno municipal de xaneiro: A escola infantil xerá xestionada de maneira indirecta

Regos anuncia unha xuntanza en Madrid cos responsables do Ministerio para que o cuartel da Garda Civil "sexa canto antes unha realidade"

A reunión da corporación municipal en pleno ordinario serviu para que o alcalde Manuel Regos anunciara a sinatura dun convenio entre o Concello coa Xunta para a redacción do proxecto de mellora da estrada Ordes- Cerceda. Un convenio que, segundo o goberno municipal, "suporá 150.000 euros para a redacción do proxecto da próximamente se sacarán as bases para o concurso e así poder elaborar o proxecto e remitilo á Xunta o antes posible".

Segundo o goberno, as obras de mellora desta estrada, que incluirán o ensanchamento da calzada e das súas marxes e melloras no pavimento, "traerán por primeira vez ao municipio un investimento do Plan Miner", que tal e como explicou o alcalde, "ascenderá a 2,8 millóns de euros". Regos insistiu en que se trata dunha obra "moi importante" dado o deterioro no que se encontra este vial debido ao tráfico excesivo que soporta.

Escola infantil
Por outra banda, o pleno aprobou a modificación na forma de xestión do servizo da escola infantil, que se acordou pasará a xestionarse dunha maneira indirecta. Tal e como explicou a concelleira de Educación, Silvia Marín, ademais da cuestión económica, a causa máis importante para sacar adiante esta proposta é “mellorar a calidade educativa do centro”. Marín sinalou que en diversas ocasións se estaba a facer moi complicado para o Concello poder sustituir ao personal que por un ou outro motivo se ausentaba de maneira imprevista, redundando isto nun peor servizo de cara á educación dos alumnos.

Explicou Marín que a xestión indirecta da escola infantil proporcionaría un servizo “máis completo”. O BNG votou en contra xa que segundo Castro “a privatización da Escola Infantil vai encarecer e empeorar o servizo que se está prestando na mesma”. A concelleira ordense quixo destacar o “bo traballo do personal que temos no centro”, á vez que insistiu en que o que “debemos garantir dende este grupo de goberno para os nosos veciños e veciñas, son servizos de calidade e emprego, sexan públicos ou privados”.

Pola súa banda, o BNG dende a oposición propuxo instar ao Goberno da Xunta a solucionar todos os problemas das infraestructuras educativas existentes en Ordes, así como as carencias en profesorado de apoio e de pedagoxía terapeútica. Gonzalo Castro salientou que esta moción, que foi finalmente rexeitada polo pleno, pretendía que “se atendesen todas as peticións de mellora dos Centros de Ensino de Ordes que foron trasladadas polas Anpas, como as obras de mellora na conservación do edificio do Colexio Castelao ou á ampliación do Colexio Campomaior”.

Cuartel da Garda Civil
En canto á construcción do cuartel da Garda Civil e tras unha moción presentada polo BNG ao respecto, o alcalde Manuel Regos, explicou que próximamente manterá unha reunión en Madrid co Director Xeral de Infraestructuras do Ministerio do Interior, na que espera se teñan en conta as súas demandas e o cuartel sexa unha realidade o antes posible. De non ser así, asegurou que se tomarían as medidas necesarias e lembrou que os acordos establecidos no convenio asinado para a cesión do actual local da Garda Civil, indicaban que en dous anos o local revirtiría no Concello, tendo que pagar o Ministerio a mensualidade correspondente polo uso do local.

Os nacionalistas pretendían instar ao Ministerio do Interior a realizar no presente ano os investimentos necesarios para a construción do novo cuartel da Garda Civil no barrio do paraíso, o que permitiría, segundo Gonzalo Castro, “recuperar para os veciños e veciñas o baixo municipal no que está ubicado o cuartel na actualidade, co obxectivo de destinalo a mellorar as dotacións e os servizos municipais”.

Sobre este particular, Regos volveu a explicar que a compra do baixo foi necesaria para que o cuartel permanecese en Ordes, senón iría para outro municipio coas conseguintes repercusións negativas que isto tería para a localidade. O alcalde volveu a insistir en que se fará todo o posible para que o novo cuartel se leve a cabo canto antes no Paraíso. Por contra, Castro lamentou que “o alcalde rexeite o consenso e a man tendida do BNG para buscar unha solución a este asunto, ao non apoiar un acordo de toda a Corporación para instar ao Goberno Central a que cumpla os seus compromisos”.

Decreto do galego
Tamén o pleno aprobou unha proposta do grupo de goberno en relación ao decreto do galego, a través da que se acordou instar á Xunta a establecer medidas de protección da lingua galega para superar a súa posición de desvantaxe, non tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de desenvolvemento do galego, e tomar as medidas necesarias que garantan a competencia plena do alumnado nas dúas linguas oficiais ao rematar a ensinanza secundaria obrigatoria, entre outras.

Por contra, o BNG propoñía instar ao Goberno da Xunta a retirar o borrador do novo Decreto sobre o uso das linguas vehiculares no ensino, a cumprir as obrigas estatutarias de normalización da lingua propia de Galicia en todos os planos da vida pública, de acordo estabelecido no Estatuto de Autonomía e a retornar ao consenso político e social que se estabelece no marco normativo da Lei de Normalización Lingüística e no Decreto 124/2007.

Castro fixo un chamamento ao consenso e diante da moción presentada polo Goberno sobre este mesmo asunto propuso “chegar a un acordo incluindo as propostas de acordo de ambas mocións nunca iniciativa de consenso”.
A proposta contou co apoio do BNG e a abstención do PP.

*