.
"Temos ideas, temos equipo e temos base social"
"Ofrecemos un partido que dá cabida a todas as persoas de boa vontade, aos que falan galego e aos que falan castelán, aos traballadores e aos que engrosas as listas do paro"
Estrella Vázquez Varela ven de facer as súas primeiras declaracións coma presidenta da Xestora do PP de Ordes nas que afirma que este novo órgano “nace con vocación de integración e de unidade" e ofrece sitio tantos aos que forman parte do PPdeG a día de hoxe, coma "aos que por unha ou por outra razón perderon o contacto" co partido. Unha oferta tamén aberta para os que, sen ser militantes nin simpatizantes, "aspiran a que teñamos un Concello mellor e con máis oportunidades”.
Nunha xuntanza cos integrantes da xestora –integrada por 14 persoas, das que preto da metade delas son mulleres, Vázquez insistou na súa aposta pola integración. “Ofrecemos un partido que dea cabida a todas as persoas de boa vontade, aos que falan galego e aos que falan castelán, aos mozos e aos que deixaron atrás a mocidade pero teñen moita experiencia que aportar, aos universitarios e aos que sen ter unha exquisita formación académica se esforzan cada día nas súas ocupacións; aos que teñen un traballo e aos que, desgraciadamente, engrosan as crecentes listas do paro, ás mulleres e aos homes”, agregou.
Así, o novo órgano de dirección do PP ordense nace tamén "con vocación de consenso” porque, insiste Vázquez, “hai espazo para as aportacións, as ideas e o traballo de todos”.
Unha composición "equilibrada"
“Aire fresco –explica Estrella Vázquez- que se manifesta non só en xente nova en idade, senón tamén nunha composición equilibrada, que incrementa a presenza da muller, non por unha imposición de cotas, senón porque o noso partido cree realmente na igualdade e na presenza feminina na vida pública”.
“Ofrecemos honradez, honestidade e vocación de servizo. Temos ideas, temos equipo e temos base social. Resta moito traballo por facer pero, entre todos, podemos logralo”, engadiu.
A nova presidenta tamén tivo palabras de gratitude para “cantos ata o de agora mantiveron acesa a luz do Partido Popular de Ordes, personificando este recoñecemento en Teodosio Martino, alcalde durante 20 anos”.
*