lunes, 18 de enero de 2010

A financiación do Cuartel da Garda Civil divide a Goberno e BNG

-
Recouso: "Non existe unha partida para o Cuartel nos Orzamentos do Estado. Regos enganou aos veciños"

Regos: "Lamento as críticas demagóxicas do BNG. O Cuartel será unha

realidade en 2012"

Couto (maio de 2008): "O Cuartel de Ordes o financiará o Estado"

A financiación do Cartel da Garda Civil segue a provocar grandes diferencias entre o goberno municipal e o grupo municipal nacionalista. Nesta ocasión, o concelleiro do BNG de Ordes, Ramiro Recouso, manifestou hoxe en comunidado de prensa que non existe unha partida destinada ao Cuartel da Garda Civil nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2010, o que descubre ao seu xuízo, a “mentira e o engano a que foron sometidos os veciños e veciñas de Ordes, cando o alcalde, Manuel Regos, anunciou que o Ministerio do Interior tiña unha partida destinada ao Cuartel da Garda Civil nos Orzamentos Xerais do Estado”.

Segundo o nacionalista, “os veciños de Ordes volven a ser enganados con respecto ás xestións realizadas polo alcalde en relación ao cuartel da Garda Civil, xa que tampouco durante o 2008 e 2009 se incluiu o cuartel da garda civil de Ordes nos Orzamentos Xerais do Estado, a pesar de que o Goberno Municipal así o tiña anunciado”.

Así, segundo Recouso, “o alcalde ten pagado co diñeiro dos veciños e veciñas de Ordes o cuartel da Garda Civil, gastando máis de medio millón de euros na adquisición e acondicionamento dun baixo destinado a cuartel da Garda Civil”.

Recouso sinalou que “mentres noutros Concellos o cuartel será sufragado polo Estado, os veciños e veciñas de Ordes vense obrigados, pola incapacidade do seu alcalde, a ter que financiar o Cuartel da Garda Civil, en detrimento doutras necesidades dos veciños e veciñas, que si precisan atención dos diñeiros do Concello.”

Regos: "O cuartel será unha realidade en 2012"
En resposta a estas manifestacións, o alcalde Manuel Regos lamentou as "críticas demagóxicas dos nacionalistas" asegurando que existe o compromiso por parte do Ministerio para que o cuartel sexa unha realidade en 2012. Aínda así, Regos comprométese a facer todo o que está na súa man "para que se adianten os prazos e o cuartel da Garda Civil poida ser unha realidade en 2011 como moi tarde”.

Regos tamén amosa o seu estupor ás declaracións de Recouso. "Por que o BNG non pediu na súa enmenda aos Orzamentos Xerais do Estado que se consignara a partida para o cuartel? Será porque o BNG non cre no cuartel para Ordes nin na Garda Civil?" manifestaba o alcalde, a quen lle resulta "curioso" que os nacionalistas o "acusen de mentir e de non facer nada ao respecto cando eles non amosan ningún interese en que este cuartel sexa unha realidade".

Respecto ás acusacións de mentirle aos cidadáns, Regos o nega categóricamente afirmando que "o único que se foi anunciando foi o que o Ministerio do Interior comprometía". E neste sentido, lembrou que o compromiso do goberno central era acometer o cuartel entre 2010 e 2011, pero que tal e como lles comunicaran os representantes do Ministerio na última das reunións celebradas entre ambas administracións, debido á crise e aos recortes que se fixeron nos diferentes departamentos estatais, o cuartel para Ordes debería esperar a 2012.

Data esta coa que non se amosou conforme Regos Boquete, e anunciou que "dende o goberno local ordense farán todo o posible para que se adianten os prazos e o cuartel da Garda Civil poida ser unha realidade en 2011 como moi tarde".

Unhas acusacións que xa veñen de vello
Porén, xa a finais de decembro de 2008, Ramiro Recouso manifestárase do mesmo xeito que agora aínda que con referencia aos Orzamentos do ano 2008. "Será o Concello de Ordes o que finalmente pague o cuartel da Guarda Civil", aseguraba lembrando que nos Orzamentos do Concello para o ano 2008 o Goberno incluiu unha partida de perto de medio millón de euros para a adquisición e acondicionamento dun baixo destinado a cuartel da Guarda Civil.

Así as cousas, a versión do goberno municipal resulta ben diferente á exposta pola oposición nacionalista e xa fora manifestada en numerosas ocasións tanto polo alcalde Manuel Regos como pola ex portavoz municipal, a socialista Esther Couto. Segundo o goberno municipal, o que vai pagar o Concello non é o novo cartel da Guarda Civil, senón a reforma dun baixo destinado á Policía Local que, "como medida de carácter eventual ata a construción dun cuartel, e por un máximo de dous anos, a Guarda Civil poderá usar", tal e como afirmou Regos no pleno municipal de finais de maio. O novo edificio da Benemérita, aseguróu no seu día a socialista Esther Couto, "será pagado íntegramente por la Dirección General de la Policía y la Guardia Civil".

A frase de Ramiro Recouso, concelleiro do BNG de Ordes
"Resulta especialmente grave que o Concello de Ordes asuma o financiamento dunha infraestrutura do Ministerio do Interior, gastando medio millón de euros que poderían dedicarse a actuacións para crear emprego no Concello, como a modernización da praza de abastos ou a creación dun viveiro de empresas

As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Os nacionalistas utilizan a demagoxia para desprestixiar o traballo feito polo actual grupo de goberno, que en todo momento pasa por dar os mellores servizos aos veciños e veciñas de Ordes"

“Os nacionalistas o único que pretenden é enganar aos veciños e veciñas de Ordes co fin de desgastar este goberno, cando en realidade do que se trata é dun grupo de goberno estable que está a conseguir grandes logros para o desenvolvemento do municipio e para mellorar a calidade de vida dos veciños”

*