martes, 12 de enero de 2010

Regos: "Queremos contribuir a que a nosa mocidade sexa sá"

.
Preto dun centenar de alumnos e alumnas do IES Maruxa Mallo participaron nun obradoiro sobre a prevención de drogodependencias

O Centro Comarcal de Ordes acolleu esta mañá a celebración dun obradoiro, organizado polo Concello, sobre a promoción de hábitos saudables e traballo en habilidades sociais para a prevención das drogodependencias. Un obradoiro no que participaron preto dun centenar de alumnos e alumnas do IES Maruxa Mallo e impartido por técnicos do Consello da Xuventude de Galicia.

Deixa atrás os malos hábitos da túa vida
O alcalde, Manuel Regos acompañado polo concelleiro de Sanidade do Concello de Ordes, Xesús Pedreira, acudiu a este taller, onde quixo animar aos mozos e mozas ordenses a que tomen conciencia da importancia que ten levar unha vida saudable, deixando atrás as drogas e os malos hábitos na súa vida cotiá. Regos explicou tamén que “con esta iniciativa queremos contribuir a que a nosa mocidade sexa unha mocidade sá, e isto empezando por conciencialos nas idades máis perigosas ou susceptibles para un posible inicio no mundo das drogas”.

Este obradoiro enmárcase dentro dun ciclo de obradoiros de saúde que o Concello de Ordes organiza en colaboración co Consello da Xuventude de Galicia, e que daba comenzo o pasado mes de decembro coa celebración dun taller sobre prevención do VIH, no que tamén participaron 80 alumnos do IES Maruxa Mallo, e que se completará con outros obradoiros sobre educación sexual que terán lugar durante o curso escolar.

*