miércoles, 20 de enero de 2010

Un obradoiro sobre cambio climático para os estudantes do instituto

.
Organizado polo Concello o próximo 25 de xaneiro, participarán alumnos e alumnas do IES Nº1

A actividade terá lugar no Centro Comarcal en horario de tarde

O Concello de Ordes, baixo o programa “Ordes SOStible” segue a traballar en diferentes propostas que contribúan a unha maior educación ambiental dos veciños e veciñas do municipio, e nesta ocasión puxo en marcha un programa de actividades fronte ao cambio climático.

Así o próximo 25 de xaneiro a partir das 16:30 horas, no Centro Comarcal, realizarase un obradoiro no que está previsto que participen preto de 50 alumnos e alumnas do IES Nº1. Unha iniciativa coa que se pretende favorecer a implicación deste alumnado na loita contra o cambio climático.

Unha tarde divertida e aprendendo
O obradoiro, que terá unha duración de dúas horas, enmárcase dentro do programa SOStendo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta. Os monitores se encargarán por medio dunha exposición, xogos interactivos e documentais, de conducir diferentes dinámicas de grupo nas que os escolares pasarán unha tarde divertida aprendendo cómo actuar de forma individual fronte ao cambio climático.

Esta iniciativa forma parte dun programa de actividades fronte ao cambio climático, que desenvolve o Concello de Ordes e que se completa ademais coa exposición “O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción”. A mostra, facilitada pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta e que está exposta no Centro Comarcal dende o pasado 18 de xaneiro, permanecerá aberta tamén ata o día 25. Para todos aqueles que todavía non a visitaran e queiran facelo poderán achegarse en horario de 10 a 15 horas e de 17 a 19:30 horas de luns a venres, e os sábados de 10 a 14 horas.

Ademais tamén está previsto realizar unha charla sobre cambio climático coa colaboración dos técnicos do Proxecto Climántica, dirixida a rapaces de 1º e 2º de bacharelato, aínda que todavía están sen pechar as datas.

Podes ver o excelente documental de Al Gore, 'Unha verdade incómoda' facendo clic baixo estas liñas:





*