viernes, 29 de enero de 2010

O BNG presenta unha moción para manter o servizo público e gratuito de desinfección dos vehículos de gando

.
Os nacionalistas salientan a importancia deste servizo para o sector gandeiro

Castro: "Este servizo sempre foi gratuíto"

Gonzalo Castro anunciou a presentación dunha moción para instar á Xunta ao mantemento do servizo público e gratuíto de desinfección dos vehículos que acudan con gando aos recintos das feiras, tal e como se vén facendo até agora.

Castro manifestou que “a Consellaría do Medio Rural ven de facer pública a súa intención de que, a partir do día 1 de febreiro, a desinfección de vehículos de gando deixará de ser gratuíta para o usuario e se verá gravada cunha taxa que oscilará entre os 6 e os 25 euros”.

Segundo o nacionalista, “este servizo sempre foi gratuíto, e desde a responsabilidade de goberno da Consellaría do Medio Rural na anterior Xunta de Galiza, o BNG mantivo esa gratuidade como mostra da política de apoio ao sector gandeiro, tan importante na comarca de Ordes.”

Nulo interese no sector agrogandeiro
Castro salientou que “con esta decisión o PP deixa ben claro o nulo interese en apoiar o sector agrogandeiro e defender a capacidade produtiva do rural do noso país. E non só vai afectar a tratantes e transportistas, porque rematará prexudicando a gandeiros que terán que afrontar directamente o custo do servizo para maior desgraza na situación de crise que atravesamos”.

Finalmente, o portavoz do BNG manifestou que “agardamos que o Pleno da Corporación Municipal apoie por unanimidade esta moción para solicitar á Xunta que manteña o carácter público e gratuito deste servizo, porque a defensa do sector gandeiro constitue unha das prioridades no noso Concello”


*