viernes, 29 de enero de 2010

Novo ciclo de actividades culturais e deportivas para o trimestre

.
Entre as novidades están cursos de informática sobre iniciación a Windows XP, internet e Excel, ademais de darse continuidade a outros obradoiros como o de pandeireta, gaita, tiro con arco e pilates

O Concello, a través da Concellería de Cultura e Deporte que dirixe José Ramón Vázquez Raña, ten preparado para este trimestre un novo circuito de actividades culturais e deportivas dirixidas a todos os veciños e veciñas do municipio.

Concretamente, entre as novidades para esta nova convocatoria encóntranse tres cursos de informática. O primeiro deles, que se desenvolverá do 22 de febreiro ao 24 de marzo os luns e mércores de 18 a 20 horas, será o de iniciación a Windows XP. Do 6 de abril ao 6 de maio tocaralle o turno a un obradoiro de iniciación a internet, que terá lugar os martes e xoves de 17 a 19 horas, e por último, tamén do 6 de abril ao 6 de maio celebrarase un curso de iniciación a Excel os martes e xoves de 19 a 21 horas.

O número de prazas para cada un destes cursos é de 10 persoas e o custo de cada un deles será de 42 euros, podéndose dividir en dous pagos.

O prazo para inscribirse nestes novos obradoiros comenzará o vindeiro día 1 de febreiro e rematará o día 12 do mesmo mes na Concellería de Cultura e Deporte do Concello de Ordes.

Cursos de pandeireta, gaite, tiro con arco, pilates e XP
Ademais deste novos cursos o Concello dará tamén continuidade a algúns dos obradoiros que comenzaran xa no primeiro trimestre deste ano dada a boa acollida e a continua asistencia dos participantes. Trátase dos cursos de pandeireta, gaita, tiro con arco, pilates e dous cursos de perfeccionamento de Windows XP, que se seguirán a desenvolver dende febreiro ata maio.

Para máis información acerca destes obradoiros, os interesados poden acudir ao departamento de Cultura e Deporte do Concello de Ordes ou chamando ao 981 680002.

A frase de Ramón Vázquez Raña, concelleiro de Cultura e Deportes de Ordes
“Con esta iniciativa pretendemos que as actividades culturais non sexan única e exclusivamente actos ou eventos puntuais vencellados a momentos significativos como pode ser o Nadal ou o Entroido, senón que os veciños e veciñas de Ordes poidan disfrutar de actividades culturais ao longo de todo o ano”

*