sábado, 23 de enero de 2010

Que podemos facer coa Praza de Abastos?

.
Recouso: "Regos está a negar solicitudes de concesións de postos de venda na Praza de Abastos"

Tobío: "Non teño constancia de que chegara á concellería solicitude algunha de ocupación de postos"

O concelleiro nacionalista Ramiro Recouso, incriminaba onte ao alcalde, Manuel Regos, de “manter o estado da Praza de Abastos nunha situación infame, mantendo as instalacións nunha situación de deterioro permanente e cunha falta de aproveitamento comercial que non ten xustificación”.

Segundo Recouso, “o temporal de vento do pasado 14 de xaneiro, provocou importantes danos na cuberta da Praza de Abastos, pero a día de hoxe o alcalde ainda fixo nada para reparar ou polo menos minimizar os danos que están causando as chuvias dentro do recinto.”

Así, Recouso lembrou as propostas que o BNG lanzara en torno á dinamización e acondicionamento da Praza de Abastos, "aproveitando principalmente os Fondo Estatal de Investimento Local 2009 e 2010". Segundo Recouso Liste, "o alcalde rexeitou as mesmas, porque o único proxecto que ten para a praza é o seu desmantelamento e derrubo, non sabemos con que oscuros intereses”, poñendo como exemplo desto último o feito de que “está a negar de xeito sistemático as solicitudes de concesións para establecer postos de venda na Praza de Abastos”.
O goberno municipal xa estimara nuns 150.000 euros os danos ocasionados polo temporal e que afectaron principalmente á cuberta translúcida da praza de Abastos e á cuberta de uralita que cubre o graderío do campo de fútbol de Vista Alegre.

O Concello traballa nunha estudo de viabilidade do lugar
Respecto ás supostas negativas a solicitudes de concesións que segundo Recouso ven negando o alcalde, o concelleiro delegado de Comercio, Xosé Manuel Tobío e a preguntas de Ordessiete, asegura "non ter constancia" de que chegaran solicitudes de ocupación de postos de venda na praza, e que xa nunha xuntanza que tivera con dirixentes de Acordes no verán de 2009 preguntáralles "se coñecían o interese dalgún empresario ou comerciante en instalarse na praza", obtendo como resposta un silencio que chega ata o día de hoxe.

Por contra, o concelleiro confirmou que se atopan traballando dende o Concello nun estudo de viabilidade da praza. "Unha vez rematado e estudiado con todo detalle, tomaremos decisións oportunas conforme ás necesidades do lugar", asegurou.

O certo é que existe grande expectación por coñecer que se fará coa pranta superior da praza. Novos postos, dependencias municipais, un supermercado...As conxeturas sobre esta incidencia xa veñen de moi lonxe como asegura Tobío. "A praza creárase nos anos 80 e naquel tempo era un mercado punteiro cunha gran vitalidade e unha cifra de negocio moi importante. Pois aínda así, naquel tempo a segunda pranta tampouco chegara a ocuparse".

Tobío non quixo dar respostas concretas ao planes do Concello con ese espazo "até que non coñezamos en profundidade este estudo de viabilidade". O que si confirma é que una das labores actuais da súa concellería é a de que os comerciantes que actualmente a ocupan poidan "renovar as súas concesións" e exercer as súas actividades comerciais con todas as garantías legais, e en definitiva, "actualizar" a situación administrativa da praza de abastos.

*