O Concello de Ordes repite a campaña 'Descubre o ceo escuro, reduce a contaminación lumínica' tralo éxito acadado na edición anterior
O Planetario Viaxeiro volverá a estar no Centro Comarcal de Ordes do 18 ao 30 de xaneiro
Ordes, 13 de xaneiro de 2010: O Concello de Ordes repite a campaña 'Descubre o ceo escuro, reduce a contaminación lumínica' trala gran acollida que tivo o pasado mes de outubro.
Así o Planetario Viaxeiro regresa á vila e estará instalado no Centro Comarcal de Ordes dende o 18 ao 30 de xaneiro para que non quede ningún neno sen poder visitalo.
O obxectivo fundamental desta campaña é lograr a protección e mellora da calidade do medio nocturno, así como dos valores científicos, culturais, paisaxísticos, ecolóxicos e de calquera outra índole ligados ao mesmo.
En horario de mañá
O planetario estará dispoñible en horario de mañá para os centros educativos que queiran visitalo, faranse tamén talleres astronómicos e medioambientais que nesta ocasión correrán a cargo dos técnicos do proxecto Climántica promovido pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta, sempre facendo a solicitude previamente á concellería de Medio Ambiente do Concello de Ordes.
De igual maneira, estará tamén dispoñible para todos aqueles veciños que queiran visitalo, polas tardes ás 17 horas chamando previamente ao 981 680002 para facer a solicitude da sesión.
As frases de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes
"Entre os nosos fins consideramos prioritario conseguir a concienciación e a participación cidadá fronte ao problema da contaminación lumínica para, entre todos, alcanzar unha meta común: mellorar a nosa calidade de vida"
"Desenvolveremos unha campaña de información e difusión de carácter didáctico e sensibilizador, dirixida á cidadanía en xeral, para concienciar acerca deste problema, as súas orixes, efectos e solucións das necesidades de mellorar a iluminación exterior e protexer o medio nocturno á vez que se disfrute dunha observación astronómica limpa de contaminación”
*