"É precisamente agora, nun momento de crise, cando mais se necesita un PXOM que dea un impulso ao noso Concello”, asegura o nacionalista
O concelleiro do BNG de Ordes, Ramiro Recouso, acusou onte ao alcalde Manuel Regos en nota de prensa de retrasar deliberadamente a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), e considera que as súas declaracións públicas “veñen a reafirmar as sospeitas do BNG de que detrás da lentitude na tramitación do PXOM existen intereses especulativos, defendidos por Regos, que buscan provocar que non se aprobe definitivamente o mesmo no presente mandato municipal, o que abocaría a Ordes a seguir padecendo un desenvolvemento urbanístico caótico e pouco sostíbel.”
Recouso culpabiliza ao alcalde “de manter dous anos e medio paralizada a tramitación do PXOM enganando aos veciños con escusas e mentiras, xa que é precisamente agora, nun momento de crise, cando mais se necesita un PXOM que dea un impulso ao noso Concello”.
Segundo Recouso “para Regos é máis importante manter a vixencia dunhas normas subsidiarias obsoletas, das que se beneficiou persoalmente, e que benefician a uns poucos, antes que aprobar un PXOM que sirva como instrumento para poder ofertar vivendas en condicións asequíbeis para ao conxunto dos veciños e veciñas de Ordes, permitindo que o noso Concello poida desenvolverse cun urbanismo sostíbel aínda nun momento de crise e non manter unhas NN.SS. ao servizo dos especuladores que agora lles interesa paralizalo para que continúe a 'lei da selva' é subir o prezo do solo e das vivendas".
A frase de Ramiro Recouso, concelleiro do BNG de Ordes
"O da reforma de Lei é unha escusa barata. Se falamos da Lei o que está facendo é incumprir a actual Lei do Solo de Galicia, que lle obriga a aprobar un PXOM"
*