sábado, 9 de enero de 2010

Raña critica a decisión de Regos e do PP de "deixar aos centros educativos de Ordes sen recursos"

.
A nacionalista lamenta que o alcalde e o PP se negasen a apoiar unha emenda aos orzamentos da Xunta para destinar 1,5 millóns de euros á mellora dos centros educativos de Ordes

A concelleira do BNG de Ordes, María Xosé Raña, lamentou que o alcalde Manuel Regos e o Partido Popular se negasen a apoiar a emenda presentada polo BNG ao proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2010, na que se propoñía incluir unha partida de 1,5 millóns de euros destinada a resolver os problemas dos centros educativos de Ordes.

Raña manifestou que “a partida proposta polo BNG iría destinada á mellora das instalacións no Colexio Castelao, así como á ampliación das instalacións do Colexio Campomaior, para posibilitar a instalación dun comedor neste centro”.

Así mesmo, na proposta do BNG instabase tamén ao goberno da Xunta a solucionar “outras graves deficiencias do ensino público en Ordes, como a insuficiente dotación de profesorado de apoio e de pedagoxía terapéutica, así como de coidadores”. Raña salientou que “esta proposta recollía as peticións formuladas polas Asociación de Nais e Pais de Ordes nas reunións celebradas polo BNG coas mesmas”.

Solicitouse un pleno extraordinario
A concelleira nacionalista lembrou que o BNG solicitou a celebración dun pleno extraordinario ao alcalde para que a corporación municipal apoiase estas peticións á Xunta, antes de que rematase a tramitación dos Orzamentos, mais, segundo Raña, “o alcalde, en lugar de defender os intereses dos veciños de Ordes, puxo por diante os seus intereses partidistas negándose a convocar o Pleno para instar á Xunta a resolver os problemas dos centros de ensino de Ordes”.

María Xosé Raña tamén lamentou a postura do PP que “votou no Parlamento de Galiza en contra desta emenda do BNG, deixando aos centros educativos de Ordes sen recursos para paliar as súas graves deficiencias”.

A frase de María Xosé Raña, concelleira do BNG de Ordes
"Lamento que o alcalde sexa cómplice dun goberno da Xunta de Galiza que está recortando os recursos destinados ao ensino público, como o demostra a supresión da gratuidade universal dos libros de textos, as carencias de profesorado de apoio e as deficiencias nas infraestructuras dos centros, mentres aumenta substancialmente a cantidade de diñeiro destinado ao ensino concertado"

*