jueves, 1 de abril de 2010

O BNG se congratula do pre acordo Méndez-Gayoso

.
Castro: "A Xunta debe seguir tutelando este proceso e concretar unha gran caixa galega, paritaria, equilibrada e ao servizo da economía produtiva"

"O único que move ao BNG en todo o proceso é asegurar a galeguidade das caixas"

O portavoz municipal do BNG en Ordes, Gonzalo Castro, afirmou ao pouco de coñecer o pre acordo, que o anuncio de conversas oficiais entre Caixanova e Caixa Galicia para explorar un proceso de fusión “é un paso positivo, é un primeiro paso, pero non suficiente”.

Neste sentido, Castro, subliñou que “a Xunta de Galiza ten que seguir tutelando este proceso de conversas para que se concrete no que é imprescindíbel para o país: unha gran caixa galega, paritaria, equilibrada, ao servizo da economía produtiva e que manteña o seu carácter social”.

Integración paritaria e equilibrada
Para iso, o portavoz nacionalista asegurou que “lograr ese obxectivo depende de dous piares”. En primeiro lugar, Castro referiuse á necesidade de “lograr unha gran caixa galega como resultado da integración paritaria e equilibrada das dúas actuais”.

En segundo lugar, subliñou que “resulta imprescindíbel que os poderes públicos galegos teñan instrumentos para asegurar a democratización das caixas, para asegurar o seu carácter social e o seu vencello coa economía produtiva do país”. A este respeito, asegurou que “é necesario que o Goberno central retire o recurso de inconstitucionalidade contra a Lei Galega de Caixas de Aforros”.
,
Podes ver e escoitar o anuncio do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo sobre o comezo das conversas de cara á posible fusión de Caixanova e Caixa Galicia, feito público o pasado luns 29 de marzo:



As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
"Desde o 4 de agosto de 2009 o BNG posicionouse claramente a favor da integración das caixas de aforros nunha gran caixa de aforro para asegurar que os seus centros de decisión quedasen en Galiza e que o aforro dos galegos e galegas non se expatríe a outras partes do Estado”

"Lamento que o goberno municipal de Ordes non estivese á altura das circunstancias e se negase no pleno do mes de febreiro a apoiar a fusión das caixas galegas, rexeitando a a proposta presentada polo BNG para que o Concello de Ordes se adherise ao manifesto Galiza ten Dereito

“O único que moveu ao BNG en todo este proceso foi asegurar a galeguidade das caixas, que sigan mantendo a súa natureza social e vinculadas coa economía productiva: cos comerciantes, cos autónomos, cos pequenos e medianos empresarios e co sector agrogandeiro, tan importante na nosa comarca”.
*