.
Os voluntarios que participen no programa municipal traballarán na defensa dos ríos, a vixiancia e prevención de lumes, nun programa de seguemento ambiental e en actividades na natureza e sendeirismo
O alcalde de Ordes, Manuel Regos, acompañado polo concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira e o director da oficina de Caixanova do municipio, Héctor Monelos, presentaban esta mañá o programa Voluntariado Verde 2010.
Un programa, que se leva a cabo no municipio por segundo ano consecutivo, e a través do que, tal e como explicaron os responsables municipais, se traballará en catro áreas. Unha delas será a defensa dos ríos, que tivo un gran éxito na pasada edición coa limpeza dos cauces que se traduciu, como explicou Pedreira, en que a pesar do mal tempo e as choivas non se produciran inundacións en determinadas zonas do termo municipal nas que eran habituais.
Outra das áreas nas que traballarán estes voluntarios será a vixilancia e a prevención dos lumes, ademais de colaborar tamén na recuperación dos bosques afectadosa a trvés de novas plantacións.
Por outra banda tamén se realizará un programa de seguimento ambiental, a través do que se pretende dar a coñecer a fauna e a flora ordense aos seus veciños.
E por último, a través deste programa de Voluntariado Verde 2010, tamén se desenvolverán diferentes actividades na natureza e sendeirismo, estando xa en marcha no momento actual unha iniciativa que organizan a concellería de Medio Ambiente e a de Educación coa colaboración do IES Nº1, consistente nunha peregrinación por etapas polo Camiño Francés, dende O Cebreiro a Santiago.
Podes escoitar a presentación do programa a través das ondas de Radio Ordes facendo clic baixo estas liñas:
Agradecimento á Obra Social Caixanova
Ademais, tal e como explicou o alcalde, Manuel Regos, e o edil Xesús Pedreira, nesta ocasión contarase, para a coordinación do programa, co traballo dunha becaria durante seis meses, beca que corre a cargo da Obra Social Caixanova. Así o primeiro edil non tivo máis que palabras de agradecemento para dita entidade bancaria, palabras que lle quixo transmitir ao director da oficina de Caixanova de Ordes, Héctor Monelos.
Tanto Regos como Pedreira, agradeceron esta iniciativa de Caixanova, que ademais de permitir un mellor desenvolvemento do programa, crea tamén un posto de traballo, facendo fincapé no feito de que se trata ademais dunha veciña do municipio a que desenvolverá está función.
Pola súa banda, en representación de Caixanova, Héctor Monelos, agradeceu ao Concello o desenvolvemento deste tipo de iniciativas que asegurou, intentarán apoiar sempre dende a entidade que representa.
Dende o Concello de Ordes esperan poder poñer en marcha o proxecto a partir de mediados de maio para o que animan a todos os que estean interesados a que se apunten. Para máis información pódese chamar ao teléfono do Concello, o 981 680157 e poñerse en contacto co departamento de Medio Ambiente.
Foto: De esquerda a dereita, Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes; Manuel Regos, alcalde de Ordes; e Héctor Monelos, director da oficina de Caixanova de Ordes.
*