jueves, 22 de abril de 2010

O Día da Terra lembrou a importancia dos nosos humidais

.
Na charla, que estivo presidida polo alcalde Manuel Regos e o concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, participaron preto dun centenar de alumnos do IES Maruxa Mallo

O Concello de Ordes, a través da concellería de Medio Ambiente, conmemorou hoxe o Día da Terra coa celebración, na Casa da Cultura, dunha charla sobre a importancia dos humidais.
Unha charla que baixo o título 'Cuidemos os nosos humidais' foi impartida por dúas responsables da área de Conservación do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- CEIDA, e que completou así a temática iniciada xa coa conmemoración do Día Mundial da Auga, na que dende o Concello se lanzou tamén unha mensaxe facendo fincapé na importancia dos humidais.

Os encargados de abrir a xornada foron o alcalde de Ordes, Manuel Regos e o concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, que insistiron no obxectivo desta charla, que é o de sensibilizar á comunidade escolar sobre a riqueza natural e cultural dos humidais e da necesidade da súa conservación.

A charla contemplou varios aspectos sobre os humidais como que son, tipoloxía, valores, ameazas, xestión e principais humidais galegos facendo unha especial referencia aos encoros de Vilagudín e Vilasenín, zonas húmidas máis destacadas da comarca de Ordes que hoxe están naturalizadas e convertidas en referente paisaxístico da comarca.

Alumnos do IES Maruxa Mallo
Nesta iniciativa participaron preto dun centenar de alumnos e alumnas do IES Maruxa Mallo de Ordes, que se mostraron interesados polo tema, sendo partícipes ademais nun xogo de rol consistente na simulación da construcción dun complexo turístico. Os rapaces e rapazas ordenses, repartidos en grupos ocuparon os roles de empresarios, asociacións de veciños, ecoloxistas e científicos, expoñendo cada grupo a súa postura acerca do tema.

*