lunes, 26 de abril de 2010

Os rapaces do Montemaior xa saben comer ben

.
Un grupo de alumnos participou nos obradoiros de alimentación saudable da Mancomunidade de Ordes

Ademais de participaren no taller 'Comendo ben', os rapaces levaron ás súas casas unhas recomendacións sobre hábitos de vida saudable

Máis de sesenta rapaces e rapazas do CEIP Campomaior participaron esta mañá nos obradoiros de alimentación saudable 'Comendo ben', organizados pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Uns obradoiros nos que se busca “impulsar a alimentación como un valor fundamental na prevención de enfermidades, pois na última década se duplicaron os casos de obesidade e sobrepeso infantil e cada vez máis os nenos abandonan a dieta tradicional para substituíla por comida basura, bollería industrial e refrescos”, sinala Mónica González López, técnica de Prevención de Drogodependencias da Mancomunidade de Ordes.

"Todos os alimentos son bos, máis non na mesma cantidade"
Así, os rapaces do CEIP Campomaior recibiron hoxe dous cuaderniños. O primeiro deles foi para que puideran seguir as ensinanzas das dúas monitoras da Mancomunidade de Ordes, que fixeron fincapé na idea de que todos os alimentos son bos, máis non na mesma cantidade. Así, os propios rapaces foron quen identificaron os alimentos menos saudables, como as lambonadas, a comida rápida e os refrescos, “que ademais dan gases”, bromearon.

Neste sentido, as técnicas da Mancomunidade de Ordes falaron da influenza da publicidade e os anuncios no consumo deste tipo de alimentos. Pola contra, destacaron a importancia de beber moita auga e de comer alimentos como os cereais, as froitas e as verduras. De feito, os rapaces mesmo levaron unhas receitas saudables para facer na casa como: flan de sandía con dados de melón, bebidas de rosas e fresas, tarta de plátano con galletas ou canapé de queixo fresco con kiwi.

Papel fundamental da alimentación
As psicólogas do Servizo de Prevención de Drogodependencias e Apoio á Persoa da Mancomunidade de Ordes destacan que “a alimentación xoga un papel fundamental no benestar das persoas dende os primeiros anos da nosa vida”. Por iso, ademais de traballar hoxe cos rapaces, tamén lles enviaron aos seus pais un pequeno caderno con consellos para levar unha alimentación saudable.

Entre eses consellos, recoméndase tomar cada día dúas racións de leite e derivados lácteos, dúas racións de verduras, tres racións de froitas e catro racións de cereais. Como consello xeral, recoméndase beber moita máis auga e moderar o consumo de zucres, sal e alimentos precociñados.

Así mesmo, o caderniño recolle as racións semanais precisas de alimentos coma os ovos, a carne, o peixe, as legumes, os froitos secos e das patacas, que en ningún caso sobrepasan as catro racións semanais.

*