viernes, 30 de abril de 2010

A oposición, preocupada polas contas do municipio

.
Os populares reclaman un plan económico-financeiro e os nacionalistas, redución e priorización dos gastos

O PP e o BNG de Ordes lanzaron esta semana sendos comunicados de prensa polo que manifestan a súa preocupación pola situación financeira do Concello. Por parte dos populares, Estrella Vázquez fixo público que "a día de hoxe, están sen pagar ducias de débedas contraídas hai máis de un ano e que, no seu conxunto suman un importe de máis de un millón de euros". Dende o Partido Popular de Ordes aseguran, "ter constancia de que o Concello acumula numerosas facturas pendentes, presentadas ao cobro no primeiro semestre de 2009, sen que a Administración municipal teña sido capaz de saldar esas débedas por falta de liquidez".

Para correxir esta circunstacia, o PP local rexistrou unha moción que non foi estimada en pleno, para instar ao Concello a elaborar un plan económico-financeiro que priorice os investimentos na mellora da rede viaria municipal, na creación de emprego, e na construcción dun centro de día para persoas maiores e dependentes, entre outros proxectos.

Informe de intervención
Por outra banda, o BNG reclamou do alcalde que atendese, de maneira inmediata, os pagos das facturas pendentes cos proveedores do concello, que ascenden a perto dun millón de euros, segundo un informe da intervención municipal, que alerta da situación económica insostible que está a sufrir o Concello de Ordes, cunha débeda que pasou de 2 a 4 millóns de euros no último ano.

Gonzalo Castro lembrou que “xa no ano 2009, o Concello de Ordes tivo que subscribir un crédito por máis dun millón de euros, para o pagamento das débedas cos proveedores, que superaban os 600.000 euros, e neste ano a situación ten empeorado con perto dun millón de euros de facturas impagadas, a consecuencia dunha xestión absolutamente caótica e irresponsábel, que coloca ao Concello nunha situación crítica, debido ao destrago de recursos públicos”

A frase de Estrella Váquez, presidenta da xestora do P de Ordes
"O retraso nos pagamentos por parte do Concello está a lesionar a numerosas empresas, pero causa especiais prexuízos aos negocios de pequeno e medio tamaño, que deben soportar as débedas municipais como un contratempo adicional nesta época de crise"

A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
"Lamento que o alcalde rexeitase no último Pleno unha iniciativa do BNG que propoñía a adopción de medidas para paliar a situación económica do concello, como a redución do gasto, estabelecendo unha priorización do mesmo para dotar de recursos aos servizos públicos básicos e facer fronte ao pago das débedas cos proveedores do Concello"

*