.
Os nacionalistas reuniranse cos axentes sociais para presentar o Plan e recoller máis propostas destinadas á creación de emprego
O BNG de Ordes presentou o pasado venres en rolda de prensa as liñas principais do seu plan de emprego xuvenil para o Concello de Ordes. O portavoz municipal, Gonzalo Castro compareceu acompañado de membros da dirección de Galiza Nova de Ordes para realizar unha valoración da evolución do desemprego en Ordes e presentar as liñas básicas dunha proposta de plan de emprego xuvenil.
Castro calificou a evolución do desemprego no municipio como moi preocupante e destacou que nos últimos dous anos o número de desempregados multiplicouse por dous, pasando de aproximadamente 600 desempregados en marzo de 2008 a case 1.200 en marzo de 2010, convertindo a Ordes no concello da comarca onde máis medrou o desemprego.
Diálogo con axentes sociais
Diante desta situación, Castro anunciou que o BNG iniciará un diálogo cos axentes sociais do concello para recoller propostas a incluir nun plan específico para o fomento do emprego xuvenil, así como nun plan de emprego xenérico dirixido a toda a poboación.
Pola súa parte, Pablo Vidal, de Galiza Nova, presentou as liñas xerais da proposta que, segundo confirmou, “será completada e consensuada cos axentes sociais e as entidades xuvenís do concello”.
Vidal avanzou que as liñas básicas da proposta baseanse no seguinte:
1. O impulso da contratación de mozos e mozas polas empresas, con incentivos tanto impositivos como nos concursos públicos para as empresas.
2. Creación dun viveiro de empresas para favorecer o autoemprego dos mozos e mozas.
3. O compromiso da administración municipal e os entes dependentes da mesma de contratación de mozos e mozas.
4. Creación de obradoiros de emprego dirixidos a mozos e mozas, relacionados coas novas tecnoloxías, as enerxías renovábeis e a eficiencia enerxética entre outras.
5. A promoción de actividades formativas profesionais: electricidade, fontanería, soldadura, axuda a domicilio, hostalería…
6. A aposta pola promoción e fomento da agricultura ecolóxica como saída laboral para os mozos e mozas.
7. Creación dun servizo municipal de orientación para os mozos e mozas demandantes de emprego.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
"Lamento que o alcalde non teña utilizado os case 5 millóns de euros de investimentos do Plan E para paliar o aumento do desemprego en Ordes, ao non aproveitalos para impulsar a economía e o tecido empresarial do noso concello, que ten sido sistemáticamente discriminado neste Plan por parte do Alcalde”.
“Coa deficiente xestión do Plan E, perdeuse unha boa oportunidade para crear emprego en Ordes”
“O BNG ten presentado multitude de propostas para crear emprego en Ordes, como a creación dun viveiro de empresas ou un plan de modernización e dinamización da praza de abastos, mais foron rexeitadas sistemáticamente polo Goberno Municipal”
A frase de Pablo Vidal, membro de dirección local de Galiza Nova
"Estas propostas, que pretendemos poñer en común coa sociedade, pretenden frenar a sangría que está a sufrir Ordes de mozos e mozas que se ven obrigados a abandonar o noso concello para poder buscar unha saída laboral ou profesional”
Foto: Paula Costa, responsable local de Galiza Nova; Gonzalo Castro (centro), portavoz do BNG de Ordes; e Pablo Vidal, membro de Galiza Nova de Ordes.
*