.
Castro: "O goberno municipal asumiu en febreiro de 2008 o compromiso de celebrar todos os anos actos institucionais de lembranza a estes veciños e a todos os que deron a súa vida por defender a democracia e os dereitos do noso pobo"
O BNG ven de presentar unha moción que se tratará polo pleno da Corporación mañá, na que se propón que o Concello de Ordes realice, anualmente, coincido coa data do fusilamento de once veciños de Ordes no cemiterio de Boisaca, actos institucionais de lembranza, recoñecemento e divulgación da loita pola democracia e a defensa dos dereitos do noso pobo. Así mesmo, os nacionalistas propoñen que o concello adique unha praza ou via pública aos veciños fusilados o 8 de febreiro de 1937 no cemiterio compostelán de Boisaca.
Gonzalo Castro manifestou na presentación desta iniciativa que “en febreiro de 2008, promoveuse un acto institucional de homenaxe á memoria dos once veciños de Ordes fusilados pola represión franquista no cemiterio compostelán de Boisaca en 1937. Naquel acto de homenaxe, o goberno municipal asumiu o compromiso de celebrar todos os anos actos institucionais de lembranza a estes veciños e a todos os que deron a súa vida por defender a democracia e os dereitos do noso pobo”-
O nacionalista lembrou que “despois de transcurridos dous anos desde esa merecida homenaxe, constatamos que o goberno municipal ten incumplido esta promesa e nin no 2009 nin no presente ano se teñen realizado actos institucionais de homenaxe e lembranza a todos os que deron a súa vida pola democracia e os dereitos do noso pobo”.
Moción para dotar de servizos e beirarruas á ronda leste
O BNG presentou tamén unha moción instando ao alcalde a que nas obras de construción da ronda leste se instalen os servizos de saneamento, abastecemento de auga potable, conducións de gas, de telefonía, de electricidade e outras que sexan precisas. Ademáis de aproveitar as obras para construír beirarrúas en ambas marxes, xa que non está previsto facela na marxe esquerda.
O portavoz nacionalista manifestou que “tratándose de un tramo urbano, debe contemplarse na obra a instalación dos servizos básicos propios, como saneamento, abastecemento de auga potábel, gas, telefonía, etc..., así como unha beirarrúa polas dúas marxes”.
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
"É de xustiza que no noso concello se celebren anualmente estes actos de recoñecimento e de recuperación da nosa memoria histórica, co obxectivo, tanto de restaurar a memoria dos represaliados, como de permitir que as xeracións vindeiras teñan un coñecemento profundo desta triste páxina da nosa historia, para que nunca volva acontecer nada semellante"
“Despois de moitos anos de espera, a mobilización dos veciños e veciñas de Ordes, con máis de 3.000 sinaturas que solicitaban que se desviase o tráfico pesado do centro da Vila, especialmente os camións de lixo que teñen como destino Sogama, iniciáronse as obras dunha rolda alternativa para desviar o tráfico pesado do centro da vila”.
*