.
Os premios entregaranse no acto conmemorativo na honra de Uxío Novoneyra o 18 de maio ás 20 horas na Casa da Cultura
Os departamentos de Cultura e Deportes, e Educación, Mocidade e Discapacidade do Concello de Ordes, teñen todo preparado para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea ao escritor Uxío Novoneyra.
Así e tal como vén sendo costume, está xa convocado o III Certame de Poesía 'Día das Letras Galegas' no que se establecen tres categorías para os participantes. A primeira delas é a infantil para nenos e nenas ata 12 anos na que se repartirán dous premios aos mellores traballos, un primeiro de 120 euros e un segundo de 100 euros. Ademais haberá tamén unha categoría xuvenil para rapaces e rapazas de 13 a 16 anos, cuxos premios serán tamén de 120 e 100 euros, respectivamente; e por último a categoría xeral, de 17 anos en diante, outorgará dous premios, o primeiro de 300 euros e o segundo de 180 euros.
Orixinais, en galego e máximo 50 versos
En canto ás características das obras que se presenten, deberán ser orixinais, escritos en galego e terán unha extensión máxima de 50 versos, deberán ir mecanografiadas con letra Arial a tamaño 12 e a dobre espacio e terán un título. Ademais as obras non poderán ir asinadas polo autor, identificándose cun seudónimo ou lema e irán acompañadas cun sobre pechado no que se indicará a categoría na que participa, e no seu interior conterá os datos persoais do autor ou autora.
Este ano como novidade o Concello estableceu un novo premio para os centros escolares que estará dotado de 130 euros e que premiará ao centro que presente obras de maior calidade, establecendo un mínimo de 20 participantes.
Podes escoitar as declaracións de Silvia Marín, concelleira de Educación de Ordes a Radio Ordes:
Quen foi Uxío Novoneyra?
Eugenio Novo Neira naceu no Folgodo do Courel (Lugo) en 1930. Fillo de labregos, con 18 anos matricúlase na Facultade de Filosofía e Letras, onde comeza a compoñer os seus primeiros versos en castelán. Pero non sería ata 1955 cando a Editorial Galaxia de Vigo publica a súa obra máis importante, Os Eidos con prólogo de Ramón Piñeiro.
En 1962 múdase a Madrid onde entra en contacto cos tertulianos do Café Gijón e continúa coas súas publicacións de obras poéticas coma Elexías do Courel e outros poemas (1966) ou Vietnam canto (1967). Dende 1982 ata a súa morte o 30 de outubro de 1999 en Santiago de Compostela, foi presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
O 27 de xuño de 2009, a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2010. Unha elección que escolleu o seu nome por unanimidade de todos os seus membros.
Podes escoitar un recital de Vietnam canto (1967) facendo clic baixo estas liñas:
Foto: Uxío Novoneyra.
*