jueves, 15 de abril de 2010

De noite si, pero sen alcol

.
O Concello abre o prazo de inscrición para participar nas Noites Psicoeducativas do Programa FARO que traballa a prevención do consumo de alcol e a inserción social das persoas afectadas

O Concello de Ordes abriu o prazo de inscrición para participar nas noites psicoeducativas que se enmarcan dentro do Programa FARO que leva a cabo a concellería de Servizos Sociais. Un programa que ten como obxectivo a prevención do consumo de alcol e a inserción social das persoas afectadas.

Coas noites psicoeducativas o Concello pretende mostrar aos mozos e mozas do municipio que existen alternativas de ocio en espazos libres de consumo de alcol. As actividades fomentarán que se disfrute adecuadamente do tempo libre, mantendo relacións equilibradas coas outras persoas e aprendendo a resolver os conflitos e a mellorar a autoestima, tendo como eixo fundamental o rexeitamento do alcol.

Dirixido a rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos
Esta actividade está dirixida a rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos que estean empadroados en Ordes e incluirá inchables, diversos obradoiros, baile e diferentes xogos. O lugar elexido para levar a cabo esta iniciativa é o pavillón municipal na rúa Mestre Nicolás del Río na zona do Paraíso, aínda que haberá tamén outras localizacións en zonas abertas e na radio municipal.

En canto ás datas nas que se celebrarán estas noites psicoeducativas, terán lugar os sábados 8 e 22 de maio e o 5 de xuño de 21:30 a 00:30 horas e para participar fará falta a inscrición previa, que se poderá realizar ata o venres da semana anterior á realización das actividades na Concellería de Servizos Sociais.

A cita do día 8 de maio contará con inchables, un obradoiro de elaboración de carteiras de cómic, outro sobre a elaboración de cócteles sen alcol, ademais de xogos de mesa e videoxogos coas consolas Wii e PS3.

O programa FARO está organizado polo Concello de Ordes e conta co financiamento da Deputación e a colaboración da Concellería de Servizos Sociais, Radio Ordes, AGEDO e o Club SEO.

*