sábado, 24 de abril de 2010

O PP reclama acceso a internet no rural

.
Os populares rexistran unha moción a xuízo de Estrella Vázquez, "respaldada unanimemente polos veciños do rural ordense"

Reclaman tamén cursos de alfabetización dixital para todas as idades

O grupo municipal popular de Ordes rexistrou onte unha moción, que se debaterá no pleno da próxima semana, para instar ao Executivo local a implantar de xeito inmediato un plan encamiñado a lograr o pleno acceso á banda ancha en todas as parroquias do municipio, garantindo que todos os habitantes, especialmente os do medio rural, dispoñan de acceso a internet de alta calidade e a prezos competitivos.

Como segunda medida, o Partido Popular reclama ao Concello que programe e imparta, en cada parroquia, cursos de alfabetización dixital dirixidos a persoas de todas as idades e de xeito totalmente gratuíto para estudantes, parados, xubilados e amas de casa.

Este conxunto de propostas é consecuencia, segundo os populares, "das carencias que veciños de todas as parroquias teñen trasladado aos integrantes da xestora local do Partido Popular de Ordes". Sen embargo, e malia dispoñer dunha ubicación xeográfica privilexiada, no Eixo Atlántico de Galicia, "o Concello de Ordes presenta carencias alarmantes en materia de banda ancha".

Sen conexión a internet nas parroquias
Na maior parte das parroquias do Concello, resulta practicamente imposible conseguir un acceso de calidade a internet. Navegar con rapidez ou descargar arquivos pesados convértese nunha quimera para unha inmensa maioría dos usuarios, insiste o Partido Popular.

As frases de Estrella Vázquez, presidenta da xestora do PP de Ordes
"Na actualidade, o pleno acceso ás novas tecnoloxías da información e a comunicación é unha condición indispensable para garantir a plena igualdade de oportunidades dos cidadáns, con independencia do lugar onde residan"

"Superado amplamente o ecuador da lexislatura municipal, sorprende a falta de interese do Goberno local respecto a este asunto, máxime cando alcalde e concelleiros alardean, con frecuencia, de principios como igualdade, educación ou modernidade. Unha vez máis, a realidade desautoriza o discurso oficial"

Foto: Estrella Vázquez, presidenta da xestora do Partido Popular de Ordes e concelleira do grupo municipal popular.
*