martes, 13 de abril de 2010

O futuro da Mancomunidade pasa por dotala de máis servizos

Estudian crear un parque de maquinaria mancomunado e buscar convenios de colaboración entre os municipios en materia de abastecemento de auga e saneamento

Os alcaldes dos Concellos da comarca de Ordes debatiron, nunha reunión de tipo informal celebrada en Ordes, sobre o futuro da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Un debate do que “saíu reforzada a Mancomunidade, pois todos creemos no futuro da Mancomunidade e todos pensamos que hai que mellorala e buscar prestar máis servizos”, explica o presidente da Mancomunidade de Ordes, Miguel Prado Patiño.

Unha reunión na que os alcaldes da comarca de Ordes repasaron os programas que está a levar a cabo a Mancomunidade e marcaron as pautas e a folla de ruta a seguir no futuro para “optimizar os servizos e que o persoal preste a mellor atención posible aos cidadáns”, sinala Miguel Prado. Así, os representantes municipais de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo (cuxo alcalde non asistiu por un problema persoal grave) analizaron os estatutos da Mancomunidade, concretamente o artigo 5 sobre os servizos que se prestan aos concellos.



Podes escoitar a ampla entrevista a Manuel Astray en Radio Ordes:





Melloras no futuro:un parque de maquinaria mancomunado
Así, os primeiros edís da comarca falaron de crear un parque de maquinaria mancomunado, que serva de apoio aos parques municipais; da posibilidade de unificar taxas e impostos; e tamén de asinar convenios de colaboración entre os distintos concellos para acometer obras de abastecemento de auga e saneamento, especialmente naquelas localidades fronterizas nas que resulta máis económico aproveitar a rede doutro municipio para dar servizo aos veciños. Un acordo cuxa primeira concreción podería ter lugar entre os municipios de Oroso e Frades, para dar servizo aos veciños das parroquias de Galegos (Frades) e Marzoa (Oroso).

Así mesmo, os alcaldes da comarca tamén sinalaron a necesidade de mellorar a xestión administrativa da Mancomunidade de Ordes. Así, acordouse a creación dun par de comisións informativas para axilizar os debates plenarios. “A idea é que os temas se debatan e analizen en profundidade nesas comisións informativas, imitando así o funcionamento habitual nos concellos”, explica Prado Patiño. Ademais, analizouse o actual cadro de persoal da Mancomunidade de cara a optimizar ao máximo os recursos dispoñibles e poder prestar novos servizos ao cidadán.

A reunión servíu tamén para constatar que a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes está totalmente saneada e sen débedas, e que os concellos teñen as súas aportacións correspondentes ao día.

A frase de Manuel Prado Patiño, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes
"Todos os alcaldes dixemos que creemos na Mancomunidade e que imos seguir todos aquí, traballando para mellorala. É certo que Cerceda integrouse tamén no Consorcio das Mariñas ou que Oroso e Trazo están co transporte metropolitano de Santiago, pero todos eles cren no futuro da Mancomunidade de Ordes e así o constataron nesta reunión”

*