Xóvenes participantes no obradoiro de cociña creativa. |
O venres 18 celebrarase a derradeira das sesións do obradoiro de cociña creativa
O Concello de Ordes celebrará o vindeiro sábado 19 de novembro a derradeira das actividades enmarcadas dentro do programa “Enrolarte en Igualdade”. Un programa municipal posto en marcha co fin de concienciar e sensibilizar á mocidade sobre as desigualdades de xénero existentes e fomentar actitudes igualitarias.
Así, o vindeiro sábado clausuraranse estas actividades coa celebración dunha gymkana de supervivencia no fogar, na que os participantes deberán realizar unha serie de probas por equipos relacionadas con tarefas domésticas como doblar e tender roupa, colocar unha bombilla, montar un moble, etcétera.
Un día antes da clausura das actividades, o venres, tamén terá lugar a derradeira das sesións do obradoiro de cociña creativa na que os participantes aprenderán a realizar unha serie de platos baseados nunha alimentación saudable.
Dende a súa posta en marcha o pasado mes de outubro o programa “Enrolarte en Igualdade” incluíu ademais un obradoiro de hip hop no que se elaboraron dúas cancións, outro de banda deseñada e un de vídeo relato, ao que se suman agora o obradoiro de cociña creativa e a gymkana.
Para máis información acerca deste programa e das actividades, os interesados poden poñerse en contacto co Centro de Información á Muller (CIM) de Ordes, chamando ao 981680002, ou a través da dirección de correo electrónico cim@ordes.dicoruna.es As actividades están dirixidas a mozos e mozas de entre 12 e 18 anos.
*