Xesús Pedreira en primeiro término. Tras el, de esqueda a dereita, Roberto García, de Unións Agrarias, Francisco Caamaño e o exconselleiro de Agricultura, Francisco Sineiro. |
O candidato do PSdG-PSOE ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña, Francisco Caamaño, estivo esta noite na Casa da Cultura de Ordes con motivo do encontro 'Conversas con Fran Caamaño' sobre o medio rural. Acompañado polo exconselleiro de Agricultura Francisco Farruco Sineiro e Roberto García, secretario de Unións Agrarias, o encontro tratou diferentes asuntos sobre o papel da agrogandería galega na sociedade actual.
Presentado polo secretario da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, a charla deu comezo coa intervención de Roberto García, quen abordou a labor dos agricultores e gandeiros galegos no medio rural. Segundo o de Unións Agrarias, o agro galego debe loitar "por unhas rentas máis dignas" e que o conxunto da sociedade, a través das Administracións públicas, debe "devolver" parte do que o sector agrogandeiro lle ofrece cada día co seu traballo. García sinalou como un dos problemas do actual sector a elevada idade dos profesionais do sector, que cifrou nunha media en Galicia, dos 55 anos, e a súa consecuente "falta de relevo xeracional".
"A clave do futuro", sinalou, "será como repartir os cinco mil millóns de euros anuais que ata polo menos o ano 2020 será repartido polas Administracións públicas ao agro español". García lembrou, neste particular, que os agricultores e gandeiros galegos son "os que menos subvencións reciben do Estado".
Economía da banqueta
Pola súa parte, Farruco Sineiro, conselleiro de Agricultura con González Laxe como presidente da Xunta de Galicia, recoñeceu que no aínda actual goberno de Rodríguez Zapatero, "non todas as cousas foron ben feitas". Sen embargo, a súa preocupación pasa pola adecuada xestión da crise que "sen dubida non sería capaz de xestionar cun bo fin a dereita". Sineiro, que actualmente exerce profesionalmente como docente, explicou aos presentes mediante unha parábola a súa visión da actual sociedade rural galega, que vive dependente da "economía da baqueta": da propia riqueza do rural, da pequena construcción e das pensións. Sineiro rematou as súas palabras comprometendo o seu "voto crítico, para exixir máis", coa siglas socialistas para sair da crise "dun modo solidario".
Sensibilidade socialista
Por último, o ministro e candidato socialista pechou o encontro lembrando a "sensibilidade" que os socialistas en xeral e el en particular, senten polo rural e as súas xestes. Así, como anécdota, comezou a súa intervención contando como el mesmo vive coa súa familia "nunha aldea de once casas en Padrón". O que o rural galego precisa, asegurou Caamaño, "son xentes que o sintan". Recordou que o proxecto socialista, "que é máis que a labor dun goberno", amosa a súa "preocupación" polo medio rural, e que a diferencia das políticas do Partido Popular, os socialistas confían nun "crecimento regular" e non propio dunha "cultura do pelotazo". Caamaño, neste sentido recordou que en Castela León, "feudo tradicional do PP", en nove anos "desapareceron 21.000 agricultores".
Roberto García, (esq.) e Francisco Caamaño esta noite na Casa da Cultura de Ordes. |
Antes de dar paso ás intervencións dos presentes, Francisco Caamaño apuntou a dos "logros" do goberno socialista en materia do.medio rural. Por unha parte a homologación dos traballadores do rural no sistema da Seguridade Social. Por outra, a lei de Desenvolvemento Sostible. Unha lei que según Caamaño, "atende ás necesidades da sociedade rural equiparándoa en servizos á urbana". Como exemplo destes servizos sinalou a adaptación dos servizos de conexión a internet no rural por banda ancha.
*