sábado, 26 de noviembre de 2011

A pista de acceso a Buscás será arranxada de xeito inmediato

O pleno da corporación municipal aproba a  medida por unanimidade
Aprobadas as mocións de Ana Álvarez sobre a praza de abastos e o local xuvenil municipal
Ordes lle pedirá á Xunta que manteña o Plan Concertado de Servizos Sociais

O pleno municipal do pasado xoves aprobou por unanimidade a moción do BNG para arranxar por parte do Concello de Ordes e de xeito inmediato, o estado da pista de acceso a Buscás dende a AC-524. Deuse saída de igual modo á a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal sobre o uso específico de cemiterio, co fin de facilitar a ampliación dos cemiterios parroquiais.

Ante as apreciacións dos grupos da oposición acerca de que se recoñece unha maior porcentaxe de ocupación na ampliación dos cemiterios de Mesón do Vento, a baixa de Ardemil e Leira que no resto, a concelleira do goberno Silvia Marín, explicou que se recoñece unha maior porcentaxe a estes porque xa existían uns proxectos presentados polos veciños onde se recollen as necesidades reais para as ampliacións. Aínda así insistiu en que no caso de que haxa necesidade no resto das parroquias poderase ampliar esta porcentaxe de ocupación.
Tamén aprobouse por unanimidade unha moción presentada por Cidadáns de Galicia que instaba a crear comisións de traballo para consensuar e aprobar un proxecto de mellora e promoción da praza de abastos e a posta en funcionamento dun local xuvenil municipalNeste punto a portavoz do goberno, Silvia Marín, explicou que é importante rentabilizar os recursos cos que conta o Concello utilizando locais dos que xa se dispón, aínda que engadiu que a dificultade vén dada, como xa pasou no seu día, pola vixiancia do mesmo, ademais de que segundo a normativa para casas de xuventude, a franxa de idade para os seus usuarios é moi ampla tendo que convivir rapaces dende os 12 ata os 30 anos. De aí indicou a importancia de crear esta mesa de traballo para intentar chegar a unha solución de cara a facer un regulamento específico de uso.

A estas dúas mocións de CideGa, o BNG presentou ambas enmendas nas que se solicitaba un compromiso de partida orzamentaria nos orzamentos de 2012 para a praza de Abastos e para o local da xuventude, enmendas que foron rexeitadas polo resto de grupos da corporación, xa que tal e como explicaron dende o propio goberno local, non se pode consignar unha partida orzamentaria sen saber nin sequera o que se vai facer en cada un dos casos.

Plan concertado
Tamén no punto das mocións, aprobouse unha presentada polo PSOE que finalmente deu lugar a unha transaccional incluindo puntos doutra moción do BNG, relativas ambas, aos recortes da Xunta no Plan concertado cos concellos para servizos sociais. Unha moción, aprobada cos votos a favor de todos os grupos da corporación excepto o PP que se abstivo, e na que en definitiva se solicita á Xunta que rectifique os recortes no Plan concertado, e garanta a cobertura orzamentaria, o mantemento dos programas actuacións e servizos dependentes deste plan que existían en  2009.
Por contra, os votos en contra dos grupos municipais do PP e UxO imposibilitaron que a moción do BNG de Ordes que propoñía que o pleno instase á Xunta de Galicia a garantir a asistencia sanitaria aos desempregados de longa duración e ás persoas sen recursos, poidera sair adiante. Una actitude que foi definida polo seu portavoz, Gonzalo Castro, como “inxustificada, inhumana e desoladora, ao defender políticas que vulneran os dereitos básicos da cidadanía e rompen os principios de universalidade e equidade da sanidade pública”.

Ponte sobre a N-550
Por outra banda tamén se aprobou por unanimidade unha moción presentada polo PP na que se instou ao Concello a correxir os problemas de seguridade do paso elevado sobre a estrada N-550 no límite entre as parroquias de Ordes e Leira, así como a dirixirse ao Ministerio de Fomento para pedir unha revisión da seguridade das barandillas metálicas de dito paso elevado.

Violencia de xénero
Co gallo da conmemoración do Dia Internacional contra a Violencia de Xénero, a corporación aprobou por unanimidade unha moción relativa á prevención e tratamento da violencia de xénero, logo do consenso de todos os grupos políticos.
Montserrat Rei, concelleira do BNG e defensora da iniciativa nacionalista manifestou “a importancia deste acordo plenario que esixe á Xunta de Galiza a que impulse a posta en funcionamento das obrigas impostas pola Lei 11/2007, de tratamento integral da violencia de xénero, que están pendentes de desenvolvemento, en concreto, a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral”.


Por parte do goberno, a concelleira Lucía Iglesias, indicou todas as iniciativas levadas a cabo polo Concello de Ordes no relativo a esta problemática social, así como engadiu “oxalá chegue o día en que non haxa que conmemorar nada disto, o que será mostra de que xa está erradicado”.

*