sábado, 19 de noviembre de 2011

Pedreira pedirá ao pleno que faculte a Regos para exercer "medidas legais" contra a Xunta de Galicia

Xesús Pedreira Mirás.
Logo de que a Consellería de Benestar reducira o seu financiamento do programa de Axuda do Fogar nun 89%

O concelleiro socialista Xesús Pedreira pedirá ao pleno municipal de Ordes, que se reunirá en sesión ordinaria o vindeiro xoves 24 de novembro, que faculte ao alcalde para exercitar as accións legais que procedan na defensa dos dereitos sociais dos veciños de Ordes diante dos recortes realizados pola Xunta no Plan Concertado. Xesús Pedreira considera que “os recortes que se teñen experimentado por parte da Consellería de Traballo e Benestar están a asfixiar a concellos como Ordes e, o máis importante, a veciños que precisan deste plan para vivir nunhas mínimas condicións de benestar”.

Neste sentido, Pedreira Mirás lembra que “nas prestacións básicas de Axuda no Fogar, servizo que Ordes presta mancomunado xunto a Frades e Oroso, reduciuse nun 89% o seu importe e na Lei de Dependencia o recorte é do 60% a todos os concellos da comarca de Ordes. De non rectificar, isto suporía a morte dos servizos sociais municipais”.

Por iso, os socialistas de Ordes pedirán ao pleno municipal a aprobación dunha moción na que se solicite á Xunta de Galicia a rectificación das súas aportacións ao Plan Concertado para que estas volvan, cando menos, a niveis de cobertura orzamentaria semellantes ao ano 2009 e garantan o mantemento dos programas e actuacións vixentes dende entón.

Agradecemento
 Por outra banda,  Xesús Pedreira celebra que o Goberno Local se comprometese no pleno extraordinario celebrado o pasado xoves a arranxar dúas pistas propostas polos socialistas para o Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña. Trátase dunha pista que pasa por detrás do campo de fútbol de Vilamaior e dun camiño en Fosado (Santa Cruz de Montaos). 

*