O prazo para inscribirse xa está aberto na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello
Ordes acollerá o vindeiro día 22 de decembro un novo curso de manipulador de alimentos. Trátase dun curso obrigatorio para todas aquelas persoas que traballen no sector da industria alimentaria como panadeiros, camareiros, cociñeiros, dependentes de conxelados, charcuterías, persoal de supermercados, repartidores, traballadores de queixerías, persoal de guarderías, comedores de colexios, persoal de residencia de anciáns, etcétera, e de aí a súa importancia de cara ao mercado laboral.
O curso terá lugar en horario de 16:00 a 19:00 horas na aula do primeiro andar da Casa da Cultura de Ordes. Consistirá nunha charla informativa de tres horas presenciais nas que se tratarán aspectos prácticos sobre a seguridade alimentaria, a manipulación de alimentos e as normas mínimas a cumprir na industria alimentaria.
Todos aqueles que estean interesados en participar poderán recibir máis información na Axencia de Emprego e Desenvolvmento Local do Concello de Ordes, situada no 1º andar da Casa do Concello ou chamando ao 981680002 e 981680157. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 21 de decembro e as prazas serán limitadas.
*