sábado, 19 de noviembre de 2011

A Mancomunidade elaborará un estudo de gastos dos centros educativos da comarca

Membros do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, onte en Ordes.

Regos: “Pretendemos avanzar na colaboración entre administracións e que quede claro cales son as competencias dos concellos e cales as da Xunta”

A Mancomunidade de Ordes vai elaborar un estudo dos gastos para mantemento, conservación e vixianza dos distintos centros educativos da comarca para establecer con claridade cales son as competencias dos Concellos e cales da Xunta de Galicia. Así o acordaron na mañá de onte os concelleiros de Educación e Servizos Sociais dos sete concellos da comarca de Ordes (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo), reunidos esta mañá co presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos Boquete.

A Mancomunidade de Ordes entende que os Concellos están asumindo gastos importantes que non son da súa competencia. É o caso dos Centros Públicos Integrados (CPI) existentes na comarca, cuxa conservación, mantemento e vixianza está correndo a cargo das arcas municipais cando é competencia da Xunta de Galicia. Por iso, os concelleiros dos sete municipios da comarca de Ordes acordaron esta mañá realizar un informe sobre os gastos que xeran os cinco CPI´s existentes (O Cruce, en Cerceda; CPI Pecalama, en Tordoia; CPI Viaño Pequeno, en Trazo; CPI Pontecarreira, en Frades; e CPI Xanceda, en Mesía), que elevará á Administración Autonómica para que cumpra coas súas competencias.

Os sete concellos da comarca tamén realizarán unha profunda análise das distintas obras necesarias nos distintos Centros de Educación e Primaria (CEIP), para delimitar con claridade qué se entende por obras de mantemento ou obras de nova execución, xa que as primeiras son competencia municipal e as segundas son de competencia autonómica. O presidente de Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos, considera que con esta decisión “pretendemos avanzar na colaboración entre administracións e que quede totalmente claro cales son as competencias dos concellos e cales as da Xunta de Galicia”.

Violencia de xénero
Unha medida que se fai especialmente importante nestes tempos de crise económica, no que cada euro é importante. De feito, no pleno que seguíu a esta reunión de concelleiros (a primeira que se celebra e que volverá reunirse dentro de 15 días e despois o fará de xeito periódico para seguir avanzando en temas relacionados cos servizos sociais) aprobou inicialmente o orzamento da Mancomunidade de Ordes para o 2012, que ascende a 1.052.127 euros.

Así mesmo, o pleno tamén aprobou por unanimidade unha importante iniciativa na loita contra a violencia de xénero: a creación en cada un dos sete concellos da comarca dunha Mesa Técnica de Seguemento dos Casos de Violencia de Xénero, que estarán coordinados polo Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Ordes. Estas mesas constituiranse dentro das Xuntas Locais de Seguridade (nos concellos que dispoñen de Policía Local) e nas Comisións Informativas de Seguridade dos respectivos municipios.

Con esta medida, a Mancomunidade de Ordes facilitará enormemente o intercambio de información entre o CIM e as distintas forzas e corpos de seguridade que actúan na comarca, o que redundará nun mellor servizo ás vítimas de violencia de xénero. A medida aprobada hoxe implicará a posta en marcha das Xuntas Locais de Seguridade nos concellos de Oroso e Tordoia (xa que Ordes e Cerceda xa as teñen operativas), así como daquelas Comisións Informativas de Seguridade que aínda non existan nos resto dos municipios.

Na reunión desta mañá participaron os alcaldes de Frades, Miguel Prado Patiño; Mesía, Mariano Iglesias Castro; Ordes, Manuel Regos; e Trazo, Xosé Dafonte Varela. Os municipios de Cerceda, Oroso e Tordoia estiveron representados polos concelleiros María Viqueira, Antonio Leira e Amadeo Cancela, respectivamente.

*