jueves, 17 de noviembre de 2011

O pleno do Concello aproba as obras a incluir no POS 2012 e a ordenanza dos locais de ensaio

Se mellorará a rúa do Ceidón, a pista Souto de Zar-Ponte de Guindiboo e o ximnasio da piscina climatizada

O orzamento final para estas obras é de 400.000 euros 

A corporación municipal do Concello de Ordes reuniuse esta mañá en sesión extraordinaria, unha sesión na que se aprobaron entre outras cuestións, as obras a incluir no Plan de Obras e Servizos da Deputación para 2012; así como a ordenanza reguladora para o uso dos locais de ensaio municipais.

En canto ás obras para o plan provincial aprobouse por unanimidade incluir a urbanización da rúa do Ceidón; a mellora da pista entre Souto de Zar e Ponte Guindiboo na parroquia de Pereira, e a mellora do ximnasio da piscina climatizada. O total designado pola Deputación da Coruña ao Concello de Ordes para estas obras é de 399.149,27 euros, dos cales arredor dun 42% irá destinado ao pago do gasto corrente do Concello e o resto á realización destas obras, tal e como acordou esta mañá a corporación.

Merelle e Vilamaior
O alcalde, Manuel Regos, anunciou ademais neste punto o compromiso do goberno local á mellora de diferentes camiños do municipio que non se puideron incluir neste plan como o camiño de Merelle e o camiño que pasa por detrás do campo de fútbol de Vilamaior.

Por outra banda aprobouse tamén por unanimidade a ordenanza reguladora para o uso dos locais de ensaio municipais. O alcalde mostrou a súa satisfacción por este punto ao tratarse dun tema moi importante para a mocidade do municipio, co fin de regular o funcionamento dos locais de ensaio para os grupos locais.

Taxas de auga, lixo e venda ambulante
Outras das cuestións aprobadas no pleno desta mañá foron a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras da taxa pola prestación do servizo de auga potable e a taxa por recollida de lixo, e tamén a modificación da ordenanza reguladora de venda ambulante, esta última para adaptala á normativa estatal e autonómica.

*