Gonzalo Castro amosou a satisfacción pola decisión do alcalde Manuel Regos de poñer o salón de plenos da Casa do Concello a disposición das forzas políticas participantes
O BNG de Ordes informou hoxe de que o último pleno da corporación municipal, celebrado o pasado 27 de outubro, acordou a celebración dun debate electoral entre as formacións políticas que concurren ás eleccións xerais do vindeiro 20 de novembro. A proposta foi tomada en consideración a iniciativa do Bloque Nacionalista Galego (BNG), e no citado pleno anunciaron a súa participación no debate tanto o BNG como o PSOE, quedando pendente de confirmar a participación do Partido Popular.
A proposta dos nacionalistas instaba ao alcalde a poñer o salón de plenos a disposición dos grupos políticos para realizar un debate aberto ao público e emitido por Radio Ordes, anunciándose a celebración do mesmo por parte da emisora municipal.
Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG e promotor da iniciativa, anunciou que o alcalde de Ordes ven de comunicar ao BNG que o vindeiro mércores, 16 de novembro, ás 20:00 horas, o salón de plenos do Concello e a Radio Municipal estarán a disposición dos partidos políticos que concurren ás eleccións xerais para a celebración dun debate electoral.
“O 20 de novembro celébranse unhas importantes eleccións xerais, e desde o BNG consideramos que os veciños e veciñas de Ordes teñen dereito a estar informados deste proceso electoral, e que mellor para conseguir este obxectivo que confrontar os diferentes proxectos políticos nun debate público con presenza dos representantes locais das forzas políticas que concurren a estas eleccións”
“Os representantes das demáis formacións políticas con presenza no noso Concello amosarán o seu respecto democrático aos veciños e veciñas de Ordes participando deste debate”
*